O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra inaugurará a súa 19 edición o día 6 de abril no salón de actos do Pazo da Cultura, ás 18 horas. Ao longo do mes realizaranse 60 actividades relacionadas coa cultura mexicana, que será a protagonista desta edición. O seu propósito principal é ampliar horizontes e descubrir novas culturas.
De forma simultánea a este Salón, no Museo inaugurarase o día 5 de abril unha exposición chamada 'Pintacuentos'. Contará cunha visita guiada pola artista pontevedresa Itziar Ezquieta e dúas representantes mexicanas, Valeria Galo e Cecilia Rébora.
Unha das actividades que terá lugar durante o Salón é 'Libros que cruzan océanos'. Trátase dun punto de unión a través das redes sociais entre a mocidade española e a mexicana. Os menores galegos lerán e comentarán a literatura de México e viceversa. Tamén se realizarán talleres e actividades variadas para máis de 7.000 escolares apuntados ao salón procedentes de 60 centros educativos.
Como novidade nesta edición, contarase cun nivel de carácter profesional, as Xornadas Profesionais de Ilustración, con artistas mexicanos.
Do 19 ao 21 de abril poderase gozar do Congreso de mediación lectora e, do 9 ao 13, do Ciclo de conferencias. Ademais, en diferentes librerías da cidade acudirán os artistas mexicanos invitados. O venres 13, pola noite, desenvolveranse actividades de contacontos en 'A taberna do Jazz'.
Realizaranse xornadas profesionais de ilustración, con artistas mexicanos
A gastronomía complementará estas actividades relacionadas coa literatura coa invitación de RómuloMendoza, un dos chefs máis importantes de México. Pontevedra sumarase con 50 bares e restaurantes, ofrecendo tamén pratos típicos mexicanos.
Para desenvolver este salón, asistirán 3 representantes institucionais: Susana Prego Quijano, conselleira cultural de México en España na Secretaría de Relacións Exteriores, AlinEscoto Torres, subdirectora de Promoción Editorial e Eventos Especiais da Secretaría de Cultura de México e Ixchel Delgado Jordán, presidenta do Comité de libros infantís e xuvenís 'Caniem'.
O Fondo de Cultura Económico, institución mexicana, traerá á cidade unha importante cantidade de libros infantís e xuvenís, que se poderán adquirir en 12 librerías pontevedresas.
A través dun comunicado, a mexicana Mariña Núñez Bespalova, directora xeral de Publicacións da Secretaría de Cultura, explicaba que a literatura no seu país está moi ligada ás mulleres, chegando a ser o 70% do total dos profesionais. Utilizan a lectura para reequilibrar a sociedade e pacificarla en momentos de violencia como os sismos vividos no mes de setembro.