O director suízo Adrien Bordone acudirá este martes 8 de abril aos cines de Vialia en Pontevedra para presentar Mes Amis Espagnols, o documental que rodou para abordar o fenómeno da emigración galega a Suíza e do retorno dos emigrantes de segunda xeración.
A proxección, á que seguirá un coloquio cos espectadores, será ás 20:15 horas.
Neste documental, o realizador mostra, a través dos relatos dos seus amigos da infancia, o retorno "obrigado" a España deses adolescentes nados no país helvético, concretamente na cidade de Biel, cuxos pais españois emigraron ao país en busca dunha vida mellor.
Trátase dun punto de vista novo sobre a emigración, o dun residente do país de acollida que sentiu como os seus mellores amigos marcharon.
"É o fenómeno migratorio menos abordado, a volta a un territorio descoñecido, cheo de dificultades", explica Adrien Bordone.
Os personaxes que aparecen no documental narran a súa historia, desde a súa infancia "unha época perfecta" na que o único importante era pasar tempo cos amigos, pasando polo seu regreso a España e como desenvolveron a súa vida en Galicia, a terra dos seus pais, tras a volta.
Bordone relata que "quixen pescudar que vivira aquela xeración de nenos obrigados polos seus pais a deixalo todo para regresar a España e a sensación de caída e perda que ás veces pode chegar a sentirse ao abandonar a infancia, a falta de entendemento cara aos pais".
Ademais, o filme incorpora a visión dos proxenitores, como forma de observar a dinámica entre pais e fillos.
"A cuestión é saber se os pais escoitaron aos seus fillos de verdade, se se preocuparon por eles e por que non tiveron en conta as súas opinións", sinalou o director.
A película presentouse no festival internacional de cine Visions du réel, celebrado na localidade suíza de Nyon e recibiu o Premio Xacobeo a mellor documental no Festival Internacional de Cine de Ourense na súa última edición.