Os mércores serán para a música clásica no Museo, coa segunda edición de ‘Olladas musicais’

Pontevedra
12 de xaneiro 2025

A profesora Sara Domínguez Lloria dedicará cada mércores entre o 15 de xaneiro e o 26 de febreiro a unha composición clásica de autores como Vivaldi, Dvořák, Grieg ou Berlioz

Edificio Castelao do Museo de Pontevedra
Edificio Castelao do Museo de Pontevedra

Durante seis mércores entre o 15 de xaneiro e o 26 de febreiro, o Museo de Pontevedra ofrecerá de xeito gratuito unha serie de audicións de música clásica comentadas. 

Trátase da segunda edición do curso ‘Olladas musicais: audicións comentadas’, no que se escoitarán e comentarán composicións emblemáticas da historia da música.

O curso será impartido pola profesora Sara Domínguez Lloria e celebrarase os mércores de 19:00 a 20:30 horas no auditorio do Edificio Castelao.

O acceso a cada sesión é libre. Ademais, entregaráselles un certificado de asistencia ás persoas que se inscriban previamente en [email protected] e asistan como mínimo ao 70% das sesións.

O obxectivo principal desta iniciativa é promover o aprecio e a comprensión da música clásica entre o público adulto.

A sesión inaugural, o 15 de xaneiro, explora o diálogo entre dous xenios separados por séculos e culturas: o compositor veneciano do Barroco AntonioVivaldi e o renovador do tango arxentino no século XX, AstorPiazzolla.

O 22 de xaneiro centrarase na ‘Sinfonía do Novo Mundo’ de Antonin Dvořák e a súa combinación entre o lirismo do Romanticismo europeo e as influencias musicais do folclore americano. 

O 5 de febreiro a sesión terá como tema a ‘Peer Gynt’. Este drama con texto de Henrik Ibsen e música de Edvard Grieg é unha obra profundamente vinculada á identidade cultural noruega, cuxa música transcende o teatro.

O 12 de febreiro, Domínguez Lloria falará de ‘Os planetas’ de Gustav Holst, unha das suites orquestrais máis icónicas do século XX, unha viaxe sonora que combina emoción, misterio e épica. 

A quinta sesión, o 19 de febreiro, estará dedicada á ‘Sinfonía fantástica’, na que Hector Berlioz utiliza a música para contar unha historia cargada de ironía, obsesión e comedia negra.

A última cita, o 26 de febreiro, explorará composicións emblemáticas que incorporan a enerxía, o ritmo e a estrutura da danza, da autoría de Holst, Grieg, Bartók e Dvořák.