Pontevedra era unha das dúas cidades galegas -xunto con Vigo- na que Mercedes Peón (Oza-Cesuras, 1967) aínda non presentara o seu último espectáculo, Osmose. Iso resolverase este sábado 7 de outubro. Actuará ás 21:00 horas no Teatro Principal.
Farao como unha das grandes apostas do ciclo Guerrilla e cunha peza híbrida que homenaxea, entre outras, ás mulleres da antiga Pontesa ou das conserveiras galegas, mulleres das aldeas e da creación colectiva "nas que me fixei toda a vida".
"Esas mulleres tiñan unha fortaleza bestial. Elas eran totalmente combativas. Agora estamos moito máis anestesiados", reflexiona a artista nesta entrevista con PontevedraViva.
Ves a Pontevedra para participar no ciclo Guerrilla. Dirías que Mercedes Peón é unha muller guerrilleira e combativa?
Eu son política. Vese en toda a miña obra, desde o primeiro tema ao último, nas cosas ás que digo que si ou no que propoño en escena. Hai xente á que lle parece lúdico, que tamén o é, pero hai un posicionamento claramente político. Eu as artes escénicas enténdoas coa emoción, por suposto, pero tamén desde o amosar os mundos que son posibles.
Non entendes entón a cultura que non sexa comprometida?
Entender enténdoa, paréceme moi ben. Pero non é o meu caso.
Imos pois co teu caso. Que imos a ver este sábado en Osmose?
É unha peza de ensaio híbrida na que hai un diálogo entre a película Nación de Margarita Ledo, entre a súa proposta, e o meu pensamento. E hai un diálogo entre esas novas creacións sonoras que fixera eu para a película e a miña propia traxectoria de pensamento. Hai unha membrana entre o público e eu que é a protagonista que mostra o que acontece cos corpos prexénero, pola presión do capitalismo, e que sae para fóra desa membrana. É unha peza de ensaio.
Foi complicado deseñar este espectáculo e combinar os elementos escénicos que aparecen?
Estou tan apoiada por unhas cracks tan grandes que tería que dicir que parece doado. Foi doado pero porque as persoas que están atrás desta hibridación son moi potentes. Pero o certo é que ten a súa complexidade. Está a arquitectura lumínica de Laura Iturralde, a animación de Peque Varela, a película de Margarita Ledo, o son 5.1 que envolve ao público ou a improvisación sonora, aínda que haxa cousas que teñen que ir polo rego porque está secunciada coa imaxe.
Levas xa tempo xirando con este espectáculo, mesmo fóra de Galicia, e cunha boa acollida segundo as críticas. Estás contenta coa recepción?
É un espectáculo que se presentou nos lugares de referencia das artes escénicas, o Grec de Barcelona, o Teatro Central de Sevilla e o Conde Duque de Madrid. Tivo unha acollida magnífica. En Galicia estivo en todas as cidades agás en Vigo e Pontevedra. Supoño que por como se programa. Como espectadora, vendo desde fóra, paréceme unha peza pontentísima. Iso si, se a queres programar nun sitio de rock non pega. Son artes escénicas para un escenario pechado. Non pode ser ao aire libre.
"Como non me vou a fixar nas mulleres das aldeas, eu que desde os trece anos levo indo ás aldeas a admirar e amar profundamente estes lugares"
Que tiñan as mulleres da Pontesa ou as mulleres das conserveiras da Arousa que fixeron que te fixases nelas como fío condutor deste espectáculo?
Fixeime nelas toda a vida. Son as mulleres das aldeas, da creación colectiva, as mulleres que non entendían do machismo, que tiñan outras lóxicas. Esas mulleres tiñan unha fortaleza bestial. Traballaron desde nenas pequenas. E o que houbo foi o que pasou en todos os lugares, un abuso doutras lóxicas, que non eras as do capitalismo, eran as lóxicas do labor. E fronte a ese abuso, son persoas que entraron na loita.
Agora estamos moito máis anestesiados. Elas eran totalmente combativas. Só hai que ver como se enfrentaban ás forzas de represión que viñan a sacarlle as terras á xente para montar industrias, as terras que eran súas e que labraban, as súas hortas. Eu que son Mercedes Peón como non me vou a fixar nelas, que desde os trece anos levo indo ás aldeas a admirar e amar profundamente estes lugares.
Temos moito que aprender delas?
Sí, pero non podemos aprender nada se non temos esas vivendas. Elas son corpos con esas vivencias. Por que agora a xente non se rebela? Ou por que tardan tanto? Tamén é para pensalo. Que aconteceu para que esas mulleres si o fixeran e puxeran o seu corpo por diante cando algo lles parecía indigno. É unha peza moi emotiva e emocionante. A min póñenseme os pelos crespos desde que empezo ata que remato.
E cres que o actual é un bo momento para a creación artística e cultural en Galicia?
Hai xente que ten a autoestima cultural moi alta. Somos amantes do noso. Eu escoito a Su Garrido e póñenseme os pelos crespos, vexo O Corno e a Janet Novás e alucino. Ou cun grupo folclorico. Eu son amante das pandereteiras sen moito máis. Hai xente que amamos todo o que se fai aquí e hai outra parte que está mergullada nunha colonización cultural. A min cóstame moito xeneralizar. Eu síntome moi considerada como artista.