O Mercado de Abastos de Pontevedra transformouse na noite deste venres nun escenario de luxo para recibir a numerosos protagonistas da gala dos Premios Feroz, que viviron así o prólogo dunha cerimonia que promete facer historia este sábado no Recinto Feiral do Pazo da Cultura.
O evento gastronómico, que puxo en valor os produtos galegos, reuniu a destacadas figuras do audiovisual español nunha cea á que seguiu unha pequena festa privada.
Casa en flames e Querer son a película e a serie que lideran as nominacións nesta duodécima edición dos galardóns, que por primeira vez serán retransmitidos en directo por La 2 de TVE, con comentarios de Bob Pop, quen tamén asistía a cerimonia no Mercado de Abastos.

A cea contou coa presenza de grandes nomes do audiovisual español, como Candela Peña, Eduard Fernández, Nora Navas, Macarena García, Julián López e Enric Auquer, ademais de creativos como os irmáns Sánchez Cabezudo e a directora Paula Ortiz.
Entre os asistentes tamén estiveron intérpretes como María León, Miguel Bernardeau, Mónica López, Aixa Villagrán, Omar Ayuso, Xoán Fórneas, Alejandro Albarracín, Loreto Mauleón ou Francisco Carril; e realizadores nominados como Javier Macipe, Rodrigo Cortés, Javier Giner ou Mar Coll.
A eles sumáronse personalidades como Inés Hernand, Rosa María Calaf, Nerea Pérez de las Heras ou Jorge Ponce e actrices galegas como Yolanda Muíños ou Camila Bossa.
A gala deste sábado, que comenzará ás 22:00 horas, contará coa presenza do propio Pedro Almodóvar, quen xunto ao compositor Alberto Iglesias defenderá as seis candidaturas de "La habitación de al lado". Tamén destaca "La virgen roja", da directora Paula Ortiz, que suma o mesmo número de candidaturas.
Para a gala deste sábado, que conducirá La Dani, está confirmada a presenza da vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Díaz, e do ministro de Cultura, Ernest Urtasun.
A cerimonia entregará un total de vinte e unha estatuillas: once de cinema, sete de series, os dous Feroz Arrebato e o Feroz de Honra, que este ano recae no realizador Jaime Chávarri.
Entre as series nominadas que terán representación na gala destacan "Celeste", con Carmen Machi e Manolo Solo; "El caso Asunta", con Candela Peña e Tristán Ulloa; e "Nos vemos en otra vida", que contará coa presenza dos irmáns Sánchez-Cabezudo e Manuel Jabois, entre outros creadores e intérpretes do panorama audiovisual actual.

O encontro no Mercado contou coa presenza institucional local, encabezada polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, xunto con representantes dos tres grupos políticos da corporación: BNG, PP e PSOE, ademais da xornalista María Guerra, crítica de cine e presidenta da Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE).
O primeiro andar do Mercado pontevedrés acolleu un photocall polo que desfilaron tanto as estrelas do cinema e a televisión como os representantes municipais, anticipando o que será unha das noites máis importantes do audiovisual en Galicia neste 2025.
GALERÍA DE FOTOS