Antilia son María Costas e José Churruca e con eles falamos no programa 'Mentres isto dure'. Eles son os encargados de abrir as 'Noites de jazz' o formato que vén substituír en tempos de coronavirus ao exitoso e consolidado Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra.
Soben ao escenario da praza de España este martes 28 de xullo, a partir das 22.30 horas. Amplían máis detalles en PontevedraViva Radio: para a ocasión mudan o seu formato habitual e acompáñanse de dous amigos: Luís Felipe Fernández, ao saxofón e Mario Grau ao piano. Ademais estréase María García como baixista de Antilia e tamén estará Toño Rodríguez á batería.
Para eles, como para a inmensa maioría do sector cultural na música, son tempos difíciles. Non obstante esta tesitura trouxo como positivo o feito de dar o protagonismo aos artistas e grupos locais, que noutra conxuntura, seguramente non terían a oportunidade. E oportunidades precisamente, son o que máis escasean nestes momentos.
A súa actuación ademais ofrecerase tambíen por streaming, contando coa colaboración doutro pontevedrés vinculado á imaxe, o director Pablo Cacheda e Pablo Viñas á fronte do son.