"Mentres haxa negocio, e vai seguir habéndoo, o narcotráfico non vai desaparecer. E en Galicia teñen os medios para continuar"

Pontevedra
08 de outubro 2018

No medio do fenómeno 'narco' desatado por Narcos e acentuado por Fariña, xurdiu un proxecto editorial que analiza o narcotráfico en Galicia desde o ano 2000. É Narcogallegos. Tras los pasos de Sito Miñanco. El libro blanco del narcotráfico, do xornalista de Diario de Pontevedra Víctor Méndez 

Víctor Méndez Sanguos
Víctor Méndez Sanguos / Mónica Patxot

No medio do fenómeno 'narco' desatado pola serie Narcos e acentuado en España polo libro de Nacho Carretero Fariña (2015) e a serie de homónimo nome, en Pontevedra xurdiu un proxecto editorial que, pegado á realidade, analiza a situación do narcotráfico en Galicia desde o ano 2000 ata a actualidade. Detrás del está o xornalista de Diario de Pontevedra Víctor Méndez, que leva anos cubrindo a información relacionada con este fenómeno e, froito dese traballo diario e dun labor de documentación ardua do últimos tres anos, acaba de publicar Narcogallegos. Tras los pasos de Sito Miñanco. El libro blanco del narcotráfico (Editorial Catarata). Desde o 1 de outubro está nas librerías de toda España, este martes 9 presentarase en Vigo (Casa do Libro, 19.00 horas) e o 17 de outubro estará en Pontevedra (Casa da Luz 20.00 horas).  

De escribir nas páxinas do xornal para facelo nun libro. Por que decidiches dar este paso?
A verdade é que levaba anos con isto. Un pouco empuxáronme. Tiña mogollón de información e, despois de conversacións con mogollón de policías, especialmente con algúns moi importantes neste tema do narcotráfico, animáronme. Así empezou todo, a base de falar con xente e recompilando datos e ao final o último empuxón, que foi dicirche: "imos, nós axudámosche, tira para adiante, que vas ter apoio". Tampouco tiña moito tempo porque xa sabes o traballo que temos. Pero, bo, tiven sorte, sobre todo, tiven apoio de bastante xente importante no negocio. 

Non ten nada que ver a moda de Fariña? O libro, a serie…
Isto empezou antes. A idea se cadra é de fai tres anos. A escribir empecei en setembro do ano pasado, pero si que de antes xa tiña información, estaba a recompilar cousas, non con intención se cadra de convertelo nun libro, pero si de ir gardando cousas e a idea vén de máis atrás, nada que ver co boom que dicimos agora de ' fariñas' e demais. 

Si che pode beneficiar á hora da difusión.
Si, iso calquera pode velo, tanto o tema das últimas operacións que se fixeron como das series, tanto Fariña como a que está a saír agora de José Coroado (Vivir sen Permiso, Xigantes). Todo iso indirectamente pode beneficiar a que o libro vaia ben. 

O lector que se vai a atopar, un estilo xornalístico, se me permites o símil, como Fariña? Ou algo máis novelado?
Non é un estilo novelado, é un libro moi pegado á realidade. De feito, o que se pretende é un pouco desmitificar a historia do narco amigo da xente, o personaxe de éxito e explicar o que é o narco hoxe en día, un gran narco, que é un persoa que está escondida, que non pode gozar do diñeiro e que, salvo excepcións moi contadas, non ten posibilidade de vivir como unha persoa normal. Explicar iso e sempre moi pegado á realidade, fuxindo de calquera tipo de ficción e deixando claro que é un negocio que ao final crea máis miseria que riqueza. 

Ti tamén consideras que con todo este fenómeno, sobre todo, de Fariña a serie, está a converterse a este tipo de narcos en heroes? Está a elevalos a heroes nacionais?
Precisamente, na radio, nunha entrevista que fixemos, fixeron unha reportaxe na rúa preguntando a mozos e os que falaban repudiaban todo iso, dicían que nunca traballarían para alguén como Sito, que estaba manchado de sangue, pero, con todo, dicían que coñecían a outra xente da súa idade que si que dicían que traballarían para Sito, que diñeiro fácil, que guay. Non o digo eu, dixérono colectivos antidroga, que si que o tema da serie influíu negativamente nos mozos, en velo como referente, pero si que hai outra parte, que teñen unha capacidade crítica maior, que serve para o efecto contrario. O libro una das ideas que ten é dar a coñecer a realidade de todo isto de maneira que eles saiban as consecuencias que ten este negocio. Explícanse con moito detalle as operacións, a maneira na que eles se meten na droga. Mesmo se avanzan métodos novos, submarinos que se usan para traer a droga a Galicia. Todo tipo de cousas de como funciona o negocio, pero, ao mesmo tempo, déixanse claras tamén as consecuencias que carrexa para a xente que se mete niso. 

Narcogallegos analiza a situación do narcotráfico nas dúas últimas décadas. Por que centralo en Sito Miñanco?
Non está centrado en Sito Miñanco exactamente. Sito Miñanco serve de fío condutor, sérvenos cronoloxicamente para fixar un inicio e un fin da historia. Entrecomillas, porque un fin non o hai. E porque é un pouco o referente que as demais persoas das que se fala no libro seguiron durante ese tempo (2001-2018). 

Quizais non se sabe de narcotráfico máis nada que os titulares e as grandes operacións, pero que non se sabe como funciona o negocio por dentro. Quizais non o contamos ben todos. 
Non o contamos ben. Nós ao final contamos o final da historia nada máis. A abordaxe do barco, as detencións en terra, pero todo o demais non o contamos, sobre todo, o día a día desta xente, que non é un día a día normal, como o teu ou como o meu, son xente sen oficio nin beneficio que se levantan ás seis da mañá para reunirse para que non lles siga a Policía, xente que está escondida todo o tempo, xente que está pendente todo o tempo da súa seguridade. 

"Hai narcotraficantes en Galicia que levan traballando anos e anos e nin sequera saíron na primeira investigación"

Polo que comentas, había nesta última época un baleiro? Infórmase menos?

Si, precisamente incidimos no libro. Os policías que traballan ou traballaron nisto nos últimos anos fan fincapé niso, en que durante un tempo estiveron sós. Din que estiveron sós. Chegaban á Fiscalía, chegaban ante os xuíces, e atopábanse con muros porque non tiñan ese apoio social que si houbo ata o ano 2000 e que deixou de haber entre 2000 e 2016. Uns anos nos que parecía que non existía o negocio. Iso é un dos aspectos que me levou a incidir no libro nesa época precisamente, que é unha época na que houbo moito narcotráfico, pero a nivel social, a nivel medios de comunicación a presenza baixou moito. Eles notárono porque tiveron menos medios por mor diso e precisamente están a notar agora que outra vez volven ter un pouquiño máis de apoio ao ter máis presenza mediática. Suponse que teñan máis capacidade de traballo. 

Esa xente á que mencionas non fai autocrítica no sentido de que deixou de informarse máis pola forma na que eles se pecharon? A min pasoume traballando.
É posible, pero aí tamén coinciden outras condicións políticas máis que deles tamén. Agora de súpeto parece que se abriu outra vez todo, pero eu creo que son cuestións políticas, son temas que exceden aos propios policías, os policías teñen uns xefes que ao final o último é un político e é o que decide informamos disto ou ata aquí, non informamos, abrímonos ou non nos abrimos. Agora por sorte parece que temos unha fase de apertura, de transparencia nas Forzas de Seguridade e esperemos que siga así.

Céntrasche no traballo da Policía Nacional ou tamén Garda Civil ou Vixilancia Aduaneira?
Céntrome especialmente en Policía, especialmente en Greco, por unha razón moi sinxela, porque é o Corpo policial que incautou o 80 ou 90% dos grandes cargamentos de cocaína dirixidos non só a Galicia senón a España en todo o período analizado, salvo contados, un alixo de Garda Civil, un de Aduanas.., peroo 90% son de Greco e Brigada Central de Estupefacientes. Tamén se contan algunhas operacións da Garda Civil e de Aduanas, que en moitas traballan en colaboración, pero si é certo que a principal achega proporciónao a Brigada Central e o grupo Greco Galicia porque son os que máis traballaron, máis perseguiron e máis éxitos conseguiron nesta loita. 

"Pretendo  desmitificar a historia do narco amigo da xente, o personaxe de éxito e explicar o que é o narco hoxe en día"

Como aínda non puiden lelo non se se dás tamén voz á outra parte, aos narcos ou se tentaches darlle, polo menos. 
Hai narcotraficantes galegos que participan indirectamente. Despois de conversacións mantidas con eles, utilizo datos e información que eles me facilitaron, sempre sen dar os seus nomes por motivos de seguridade e tamén hai achegas moi importantes e moi interesantes de narcotraficantes colombianos que tamén tiven a sorte de poder contactar con eles. Incluso os famosos que contactaron con Sito no cárcere de Carabachel e que aínda seguen traballando agora e contan como funcionaba antes, como funciona agora, as diferenzas… Tamén un enxeñeiro colombiano que se dedica á construción de sumerxibles, de submarinos que se dedican a traer cocaína. É un pouco variado. Todos eles gardando as súas identidades por motivos de seguridade, pero si que hai achegas tanto de galegos como españois e suramericanos. 

Insistes nos motivos de seguridade. Tes medo a que isto poida ter algún tipo de consecuencia a nivel persoal?
Non. Non o creo. Non lles interesa aos narcotraficantes, como ben din os grandes expertos, como ben aparece no libro, para eles, canto menos fálese deles, mellor vai ir e continúan con esa política. A eles interésalles. Hai narcotraficantes en Galicia que levan traballando anos e anos e nin sequera saíron na primeira investigación. Hai outros que foron investigados, pero nunca foron condenados. Precisamente, tanto o primeiro grupo que che digo como o segundo son os que teñen máis peso no negocio e interésalles seguir así. Logo hai outros chanzos que o traballo é diferente, pero os grandes narcotraficantes prefiren que disto non se fale. 

É complicado poñerlle punto e final a un libro que fala sobre unha actualidade que avanza o día a día?
Moi difícil. Conclúo facendo un esquema da situación actual e cara a onde parece que van as cousas, pero é algo difícil de prever. O que si é verdade é que é un negocio que vai continuar porque xera diñeiro e ao final é puro negocio, como din os narcotraficantes e di a Policía. Mentres haxa negocio, e vai seguir habéndoo, o narcotráfico non vai a desaparece. E en Galicia teñen os medios para continuar con iso. 

Cal é esa conclusión á que chegas no libro?
No libro faise unha análise xa global, partindo de Galicia, pero ao final ímonos a nivel España e mundo mesmo. Fálase das rutas actuais de narcotráfico en todo o mundo, non só cara a España, senón cara a outros países, mesmo Oriente Medio, incluso Australia, que hai novas rutas agora. Da importancia de China no branqueo de capitais. É un pouco unha foto fixa da situación actual e de cousas que non se contaron. O escenario que se presenta é un escenario difícil para as Forzas de Seguridade porque hai unha gran sobreproducción en Colombia, aquí segue habendo grupos con capacidade para introducir droga, hai organizacións novas marroquís ou holandesas que están a traballar cos galegos e que se converteron outra vez en socios preferentes. A dificultade é tamén a diversificación, agora non entra todo por Galicia, senón que os propios galegos desprázanse, van a África, van ao sur de España, Portugal… Búscase explicar todo isto e se cadra levantar un pouco de conciencias e que as autoridades competentes poñan medios para que isto non siga así, parece difícil.

"O que quero facer é plasmar a realidade, o que fixo Sito, o que fixo ben, o que fixo mal, o que o levou a prisión e o que fixeron os seus seguidores"

Non hai os medios agora?
Non hai os medios para nada. Un exemplo moi claro: Greco Galicia son 20 persoas, as organizacións criminais asentadas en Galicia, as grandes, o cálculo que teñen as autoridades son 800 persoas aproximadamente. Co cal, non hai moito que dicir. Loitando 20 contra 800, falando soamente de grandes grupos. O desequilibrio é brutal e economicamente a parte económica o mesmo. Un alixo pode supoñerlles uns beneficios de 80-90 millóns de euros a eles e un investimento de dous millóns de euros en tecnoloxía, que é bestial, para eles non é nada. Ao final, todo isto fai que a policía vaia por detrás. 

Seguen tendo ese respaldo social que tiñan nos anos 80 ou 90?
En puntos moi concretos. Se te vas a Cambados, a Vilanova, en determinadas zonas, depende a quen preguntes seguen dicindo: "Sito é bo rapaz. Se non estivera niso sería un tío cojonudo". Iso ségueo habendo hoxe en día. Se fixésemos un estudo, a nivel xeral, en Galicia sábense os problemas que carrexou todo iso. E si que é verdade que existe un problema coas novas xeracións, que non coñecen esas consecuencias, parece que, como non o viron, non se dan conta diso. Pero a nivel xeral si que en Galicia o respaldo social ha desaparecido. 

Deduzo que non imos ler unha oda a Sito Miñanco no teu libro.
Para nada. Nin oda a Sito Miñanco nin todo o contrario, o que quero facer é plasmar a realidade, o que fixo Sito, o que fixo ben, o que fixo mal, o que o levou a prisión e o que fixeron os seus seguidores, algúns con máis sorte que outros, pero, insisto unha vez máis, pegado á realidade, explicar o que hai, sen artificios e tentar que a xente coñeza por dentro este negocio, non soamente en Galicia senón a nivel global.