O freestyle é unha modalidade dentro da música urbana que se caracteriza pola súa espontaneidade, a súa capacidade de improvisación e pola adaptación do artista a cada contexto. En poucas palabras: fluír, rimar e expresarse baixo a única premisa de ter a mente en branco. Esta disciplina, que comezou como un movemento minoritario no mundo da música, foi gañando practicantes e seguidores ao longo dos anos ata acadar a importancia que ten a día de hoxe.
Todas estas características definen a esencia do proxecto Mente en Blanco, unha iniciativa de tres pontevedreses ligados á escena do rap e da música urbana da cidade. Eles son David Nantes, encargado do vídeo e redes sociais; Francisco Velado na gravación de audio e subtitulado dos vídeos; e Guillén Achalandabaso para a mestura e o máster final do audio.
FINALIDADE DO PROXECTO
Eles son o equipo de Mente en Blanco, proxecto que naceu a finais do 2022 coa intención de incentivar o freestyle galego, unir artistas e crear conexións entre diversas zonas da provincia. A súa forma de facelo é a través de sesións musicais que eles gravan e producen na súa propia casa. Na actualidade, o proxecto conta con 50 sesións na súa canle de Youtube nas que se poden ver toda clase de estilos e propostas.
A sesión número 50 corre a cargo de O Pirata, artista de Maceda caracterizado por ter un estilo fresco, novo, e o que máis lle identifica: o galego como lingua para expresarse. Desde Mente en Blanco explican que as primeiras sesións viraban ao redor de artistas da comarca de Pontevedra, pero que aos poucos foron chegando músicos de todas partes de Galicia.
O éxito deste proxecto no panorama local explícase, entre outras cuestións, por “ver cousas que non verías en batallas de freestyle, cremos que as batallas de galos están saturadas”, explican desde Mente En Blanco. Doutra banda, Fran afirma que “a liberdade que os artistas teñen nas sesións provoca que o nivel de cada unha delas sexa moi alto”.
Cando lle preguntamos aos mozos de Mente en Blanco sobre o futuro do proxecto, os tres fíxanse como obxectivo chegar ás cen sesións. Polo momento, a metade do camiño está percorrido con creces. Doutra banda, os organizadores tamén barallan crear contido sobre outras disciplinas artísticas, como levar a brackers ou Bboys, sempre baixo a premisa da improvisación como seña de identidade.
Polo momento, Fran explica que "a organizaciónvai de semana en semana. Normalmente xuntamos a tres artistas nun día para gravar as súas sesións, algo que permite que se coñezan entre eles e poidan conectar”. Doutra banda, tamén agradecen o interese da xente por participar no seu proxecto.
CREAR CONEXIÓNS
Tanto Fran como David e Guillén coinciden en que un dos puntos fortes do proxecto é o espazo de coworking que ofrecen aos artistas. David explica que persoas de diversas zonas que non se coñecían, estableceron amizades e proxectos musicais grazas a coincidir no seu estudo de gravación. Especial mención fan aos mozos do Cypher 36900, de Marín. Este colectivo conseguiu ter unha química especial co grupo Gesto Feo, que aglutina artistas da zona de Vigo e o Morrazo.
Doutra banda, os fundadores do proxecto destacan que a pesar de que as sesións de freestyle son a súa actividade principal, o feito de coñecer a tantos artistas abriulles a posibilidade de ofrecer servizos de gravación de audio e vídeo. Este feito beneficia a ambas as partes, xa que moitos músicos da zona non sacan á luz todos os traballos que lles gustaría debido á escaseza de lugares dispoñibles para gravar a custos alcanzables para eles.
"Chegáronnos a parar pola rúa para darnos as grazas polo que facemos"
Ao preguntar aos organizadores polas súas sesións favoritas, os tres coinciden en que “é imposible escoller unha. Todas teñen algo especial que as fai diferentes ao resto”. Con todo, si que destacan a artistas como o vigués Galez, o ourensánRuvix, Dury, Ibánou Was. En relación á sesión número 33, que non ten dono aínda, os mozos de Mente en Blanco só adiantan que “vai ser alguén moi especial no panorama”.
Un aspecto no que fan fincapé é na gran acollida da xente. “Non nos esperabamos que o público se envorcase tanto co proxecto. Chegáronnos a parar pola rúa ou nalgún evento para darnos as grazas polo que facemos”, explica David. En Mente en Blanco entenden que este proxecto trata de dar un espazo aos artistas para expresarse e mostrar á xente “o talento que hai debaixo das pedras”, tal e como conta Guillén.
Doutra banda, os tres fundadores de Mente en Blanco tamén agradecen o apoio de organizacións como Gallos del Norte, El Arte del Freestyle, Entre lineas, Gesto Feo, The Groove House e Cypher 36900. Estes colectivos participan activamente, tanto enviando a artistas a gravar con eles, como mostrándolles músicos e músicas que non coñecían. Doutra banda, desde Mente en Blanco botan en falta o apoio do Concello, e fan un chamamento ás institucións para que se impliquen con este tipo de iniciativas culturais que hai na cidade de Pontevedra.