Co mimo co que se aloumiña un Stradivarius, no escenario da praza da Ferrería o estudoso da música tradicional galega, Pablo Carpintero, fixo soar a gaita de Xan de Campañó, "mestre de mestres", cedida pola familia do gaiteiro para esta actuación excepcional no marco do Memorial Ricardo Portela.
Coma se fosen a investir presidente da Xunta ao defunto de Manuel Fraga, A Ferrería encheuse de gaiteiros, ¡100 Pipers durante todo o día! Os de Algures, Os Melidaos, Os Picurruchos, Abelente e Ludovaina. Gaiteiros sen carné e algún sen oficio. Daba igual, o sábado foi o seu "día grande".
A xornada arrancou coa Mostra de Artesáns de Instrumentos Tradicionais. Por suposto houbo gaitas, pero tamén: zanfonas, tambores, pandeiretas, castañolas, arpas, mandolinas, culleres, tarrañolas e asubíos.
E como broche de ouro as familias de Xan Tilve Castro (Xan de Campañó) e de Ricardo Portela acudiron á homenaxe a un dos precursores do "toque pechado", técnica que posteriormente empregarían outros emblemáticos instrumentistas como os gaiteiros de Soutelo, Perfecto Feijóo ou o propio Ricardo Portela.