Mellora do depósito dos fondos da Biblioteca Antonio Odriozola

Pontevedra
22 de marzo 2021

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitaba este luns as instalacións tras o remate da obra impulsada pola Xunta de Galicia cunha achega de 50.000 euros

Fondos bibliográficos da Biblioteca Pública Antonio Odriozola
Fondos bibliográficos da Biblioteca Pública Antonio Odriozola / Xunta de Galicia

As condicións de almacenaxe e depósito dos fondos bibliográficos da Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra melloraron grazas ás últimas obras impulsadas pola Xunta de Galicia cun orzamento de 50.000 euros.

Este luns o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, acudía ata as instalacións acompañado por Luís López, delegado da Xunta en Pontevedra. Os traballos centráronse na instalación de armarios que permiten unha mellora das condicións físicas e de seguridade para estes fondos almacenados no edificio situado na rúa Alfonso  XIII.

Entre o material protexido atópase unha colección de obras cun fondo antigo de prensa e publicacións de narrativa, poesía, teatro, biografías, ensaio, libros de viaxes, literatura xuvenil, cómic, libros de idiomas, lecturas escolares e o Fondo Pontevedra, no que se recollen obras sobre a cidade. Tamén neste espazo atópase unha colección accesible para persoas con diferentes capacidades.

Entre estes exemplares hai incunables dos séculos XVI, XVII e  XVIII, depósitos da colección da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra e a Colección Sampedro, libros en homenaxe a Losada Diéguez, parte da biblioteca das irmás  Mendoza e fondos da biblioteca do profesor Carlos Villar, entre outras pezas de valor.