"O mellor do audiovisual galego" chegará a Pontevedra da man de Augal

Pontevedra
27 de novembro 2024

A Máster Class Audiovisual Galego Augal achegará a directores como Ángel de la Cruz, Lucía Estévez e Quique Otero, produtoras como Beli Martínez e Silvia Fuentes

Presentación das sesións formativas da Masterclass Augal
Presentación das sesións formativas da Masterclass Augal / Universidade de Vigo

Conectar o alumnado da Facultade de Comunicación coa realidade do sector audiovisual é o obxectivo co que naceu a Máster Class Audiovisual Galego Augal

Entre este mes de novembro e marzo de 2025, achegará a este centro do campus pontevedrés directores como Ángel de la Cruz, Lucía Estévez e Quique Otero, produtoras como Beli Martínez e Silvia Fuentes e outra serie de profesionais da industria audiovisual.

Patrocinada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da Xunta de Galicia, a programación da décimo cuarta edición desta máster class, aberta a toda a cidadanía, abrangue a proxección de longametraxes como Honey Moon, La Parra ou o documental Filmei paxaros voando, xunto a sesións dedicadas a curtametraxes ou series de televisión ou actividades formativas.

"Buscamos que o programa fose o máis variado posible", salientou nese senso o profesor da Facultade de Comunicación e codirector de Augal, Paulino Pérez, na presentación. Esta edición reúne "unha moi boa selección do mellor do audiovisual galego", como engadiu o director da Agadic, Jacobo Sutil.

A decana da Facultade de Comunicación, Emma Torres, e o director da Área Adxunta á Vicerreitoría do campus de Pontevedra, Luis Torres, presentaron este martes, xunto a Pérez e Sutil, esta XIV Máster Class, á que asistiron o codirector de Augal Miguel Anxo Fernández e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera.

Con sesións abertas ao público, esta actividade comprende 27 horas de "formación complementaria de moi alta calidade", que achega o alumnado "un reflexo do que é este sector audiovisual galego", salientou Sutil. 

DE NOVEMBRO A MARZO

Augal 2024-2025 bota a andar este xoves 28 coa proxección deHoney Moon, que será presentada polo seu director e produtor, Quique Otero. Xa en decembro, o xoves 12 terá lugar unha sesión formativa sobre a busca de localizacións para producións cinematográficas, a cargo do egresado Andrés Rozados e, unha semana máis tarde, o IV Concurso A Canteira-Augal, no que se proxectarán oito curtametraxes de ficción realizadas polo alumnado de Comunicación Audiovisual.

Xa no segundo cuadrimestre, retomarase a programación o 5 de febreiro con La Parra, de Alberto Gracia, unha longametraxe premiada recentemente na Seminci de Valladolid e que será presentada pola produtora e profesora da facultade Beli Martínez. Outra exalumna Silvia Fuentes, protagonizará á semana seguinte un coloquio no que relatará "todos os pasos que foi vivindo" na súa traxectoria como produtora, apunta Pérez. E o 19 de febreiro terá lugar unha sesión dedicada á Ghuassap, unha serie de comedia producida por CTV para a TVG, coa participación do seu director, Luis Avilés.

Febreiro pecharase coa proxección das curtametraxes A marola, Abellón e María Rita, presentadas polos seus directores,o gañador de tres premios Goya Ángel de la Cruz, Fon Cortizo e Juan Barbazán. Xa en marzo, a exalumna Lucía Estévez protagonizará a segunda sesión centrada na ficción televisiva, na que falará de Os Argonautas e Weiss & Morales, series que codirixiu para TVE e a canle alemá ZDF, á vez que trazará un percorrido pola súa traxectoria profesional.

Finalmente, Augal pechará esta edición o 26 de marzo co documentalFilmei paxaros voando, de Zeltia Outeiriño, presentado pola produtora Silvia Fuentes.