‘Meigallos’ e 'Valentina’, últimas proxeccións do ciclo de cinema infantil no Museo

Pontevedra
04 de xaneiro 2024

Este xoves 4 de xaneiro, o público infantil ten unha cita no Edificio Castelao a partir das 18.00 horas con 'Meigallos' e o venres 5 chega a quenda de 'Valentina' á mesma hora. O acceso é con reserva previa en [email protected]>

Fotograma da película 'Meigallos'
Fotograma da película 'Meigallos' / Museo de Pontevedra - Deputación Provincial

O público infantil e familiar conta cunha cita cinematográfica durante este xoves e venres no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra a partir das 18.00 horas.

Este xoves 4 proxéctase a película 'Meigallos', mentres que o venres chega a quenda de 'Valentina'.

'Meigallos' é unha película galega de animación dirixida por Virginia Curiá en 2015.

Narra a historia da pequena Malva, unha nena que está obsesionada cos aparellos tecnolóxicos. A súa avoa "curandeira" é secuestrada e Malva vivirá unha aventura de suspense e diversión para enfrontarse aos secuestradores que queren roubar as fórmulas tradicionais da avoa.

O venres 5, concluirá o ciclo de cinema infantil con 'Valentina', obra dirixida por Chelo Loureiro.

A protagonista é unha persoa con Down e quere ser trapecista. A súa avoa, compañeira de xogos, axudaralle a superar as dificultades ás que se enfronta. Esta película lograba o Premio Goya á mellor obra de animación, ademais de obter o Premio Platino do Cinema Iberoamericano.

O acceso a estas sesións debe realizarse con reserva previa a través do correo electrónico [email protected], segundo indican desde a Deputación de Pontevedra.