Megan Maxwell, en Pontevedra: "As miñas protagonistas son mulleres de armas tomar, xa abonda de ser submisas"

Pontevedra
01 de xullo 2014

A escritora, todo un fenómeno editorial da novela erótica en español, asinou exemplares das súas novelas na Librería Cronopios de Pontevedra. O segredo deste éxito? Apostar por historias de alto contido sexual protagonizadas por personaxes próximos "e quizais por iso as mulleres españolas veno como máis real"

Megan Maxwell (á esquerda), rodeada de algunhas das súas 'guerreiras' pontevedresas
Megan Maxwell (á esquerda), rodeada de algunhas das súas 'guerreiras' pontevedresas / Mónica Patxot

A raíz do 'boom' que supuxo 50 sombras de Grey, a editorial Planeta preguntoulle a unha das súas escritoras, Megan Maxwell, se estaría disposta a escribir novelas eróticas de corte similar. "Ao principio díxenlles que non, porque non me vía escribindo algo así", recoñece. Pero ao final aceptou e a súa vida cambiou por completo. Hai case tres anos editábase Pídeme lo que quieras, a partir do cal se converteu en todo un fenómeno editorial da novela erótica en español.

Dende entón non parou de escribir e as súas 'guerreiras' (como ela mesma denomina as súas lectoras) son xa lexión. Tamén en Pontevedra, a teor do visto na Libraría Cronopios. Non cabía un alfinete no seu interior dende moito antes do horario previsto para a súa sinatura de libros. O segredo deste éxito? Apostar por historias de alto contido sexual protagonizadas por personaxes próximos "e quizais por iso as mulleres españolas veno como máis real".

Como explicaría Megan Maxwell o 'boom' deste tipo de novelas eróticas?

O boom, máis ca min, téñeno que explicar as lectoras. Eu creo que o que lles gusta é que as novelas románticas teñan un alto contido sexual. Ás mulleres gústanos moito imaxinar. Os homes sodes máis visuais, pero nós fantaseamos máis. E por iso creo que estas novelas están tanto de moda, porque lles permite imaxinar cousas que na vida real non suceden.

Pero tamén presume de ter moitos lectores masculinos...

Lenme moitos homes tamén, é certo. Igual que as miñas guerreiras namóranse dos personaxes masculinos, eles fantasían cos femininos. Pero cústalles horrores recoñecelo. Non din nunca nada. Por regra xeral as mulleres dinme en público que lles encantan as miñas novelas, pero os homes dinmo en privado ou escríbenmo en mensaxes. Pero cando eu lles pido que o digan sen disimulos, dinme que temen que o vexan os seus amigos.

Está xa asentada neste tipo de xénero (Planeta destaca que en 2013 foi o autor ou autora máis vendido en España), pero non sempre foi así. Como empezou a escribir estas novelas?

Eu publicara xa varios libros con editoriais máis pequeniñas, pero foi Planeta a que me dixo de escribir novela erótica. Ao principio dixen que non. Non me vía escribíndoas, aínda que en todas as miñas novelas hai sexo. Pero ao final lanceime, fíxeno e gustou.

Son historias máis realistas que 50 sombras de Grey e similares, non si?

"Se eu escribín máis novela romántica que doutra cousa, é porque me apaixona facelo. Seguirei facéndoo porque me encanta"

Son diferentes. Eu doulles un punto de vista español. En Pídeme lo que quieras ou Adivina quién soy, por exemplo, as protagonistas son unha andaluza e unha tinerfeña. Son máis próximos a nós e quizais por iso as mulleres españolas e latinas, onde tamén están a ter moi boa acollida, veno como máis real. Intento que se diferencien desas novelas que citas. As miñas protagonistas son mulleres de armas tomar. Xa abonda de ser unha submisa, de non contestar. Hoxe en día as mulleres somos outra cousa e é o que quero reflectir.

Mantén un contacto moi directo e intenso coas súas lectoras. Axúdanlle á hora de crear as situacións que reflicten as súas novelas?

Elas cóntanme moitas cousas a través das miñas redes sociais. Son cousas que non podo contar porque son privadas. Pero obviamente danme moitas ideas para logo poder pensar en personaxes ou situacións para as novelas. Grazas ás miñas guerreiras consigo recrear escenas de alta voltaxe. Estou moi contenta do ben que me tratan. E elas ás veces tamén me agradecen que dende que leron os meus libros a súa vida sexual mellorou moito.

E o seu ámbito persoal como leva o feito de que sexa tan coñecida por este tipo de novelas eróticas?

Lévano fenomenal. Ao principio facíalle un pouco de graza porque para eles, son unha nai normal ou unha amiga de toda a vida. Non me vían escribindo cousas semellantes. Pero están contentos e felices, por suposto, porque que unha grande editorial crea en ti desta forma é algo incrible. Sobre todo despois de vintetantos anos e cando o comparas cos poquitos que me apoiaban ao principio.

E veremos pronto algún libro de Megan Maxwell máis afastado deste xénero?

Levo escribindo 22 anos e publicando cinco. Como antes non editaba as miñas novelas, escribía o que me daba a gana. Sígoo facendo que conste. Publiquei contos en antoloxías para nenos e teño un par de novelas que non son románticas nin eróticas. Unha é un thriller de asasinato e outra é un drama sobre a SIDA. Espero que saian algún día. Pero non me obsesiono. Se eu escribín máis novela romántica que doutra cousa, é porque me apaixona facelo. Seguirei facéndoo porque me encanta.