2018 será o ano no que a produtora pontevedresa Matriuska penetrará no terreo das grandes coproducións internacionais. Será coa película ¿Qué hicimos mal?, que rodará en México, España, Italia e Bélxica. Así o adiantou o produtor Daniel Froiz durante unha visita á Cineteca Nacional de México.
¿Qué hicimos mal? é unha película que estará dirixida por Liliana Torres e na que Matriuska asociarase coa produtora da prestixiosa cineasta española Isabel Coixet.
Daniel Froiz explicou que se trata dunha película "de parella", na que a súa protagonista, unha moza que empeza a preguntarse se a relación coa súa actual parella sentimental funcionará ou non, embárcase "nunha especie de terapia vital e romántica" que a levará a xulgar toda a súa vida amorosa anterior.
Así, decide preguntar aos seus ex mozos que foi o que fixeron mal para que esas relacións non funcionasen. Esta viaxe "xeográfica e emocional" levará á moza aos lugares onde residen os seus anteriores parellas: Italia, México e Cataluña.
Coa súa presenza na misión comercial organizada polo Concello de Pontevedra, Matriuska logrou que o proxecto "avance moitísimo", ao pechar acordos cunha produtora mexicana "moi importante".
Ademais, a propia Liliana Torres está a aproveitar a estancia en Cidade de México para realizar os primeiros castings de actores e buscar localizacións para a rodaxe dunha película que, segundo Froiz, "contará cunha cifra de negocio moi importante" e na que traballarán máis de medio centenar de persoas.
O responsable de Matriuska explicou que, máis aló de pequenas coproducións para "capítulos concretos" e que foron "totalmente minoritarias", esta película e un documental que se gravará en Cuba, Suíza e Francia supoñerán o salto da produtora á coprodución internacional, horizonte cara ao que queren avanzar nos próximos anos.
NOVOS CINEMAS
Ademais, Matriuska proxectou unha das súas últimas películas, Las altas presiones, ante preto dunha trintena de novos cineastas mexicanos e logrou "crear sinerxias" con CENTRO, unha universidade especializada na profesionalización da creatividade, para a próxima edición de Novos Cinemas, o festival internacional de cinema de Pontevedra.
"Pode ser que haxa un ingrediente mexicano no próximo festival", avanzou Daniel Froiz.
Na visita á Cineteca Nacional, Daniel Froiz estivo acompañado polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. A delegación pontevedresa foi recibida por Alejandro Pelayo Granjel, director dunha institución que atesoura máis de 60.000 películas que forman parte da historia do cinema, fundamentalmente, mexicano e latinoamericano.
A película máis antiga que se conserva na Cineteca Nacional é El automóvil gris, unha película fundacional do cinema mexicano rodada en 1919. Para a súa restauración foron necesarios tres anos de traballo. É, hoxe, unha das xoias do patrimonio cultural de México.