'Matria' e 'Noche de Paz' son as dúas curtametraxes que recibiron os galardóns Áncora de Ouro e Áncora de Prata este domingo 18 de novembro durante a gala do cuarto certame de Curtas Armadiña, que se desenvolve en Poio, organizado pola ACDeM Armadiña.
'Noche de Paz', de Santiago Requejo, obtivo o premio de prata que se corresponde cos votos realizados polo público asistente ao festival. A Áncora de Ouro levábaa Álvaro Gago pola peza 'Matria'. Esta curta conta a historia de Ramona, que traballa nunha fábrica de conservas.
A película obtivo o Gran Premio do Xurado do certame de cine independente Sundance neste 2018. A decisión foi adoptada polo xurado oficial, composto por Pilar Varela, María Roja, Pablo Cacheda, Juan de Castro e Laura Doval.
A gala iniciábase coa representación da peza 'Sofía', a través da interpretación da actriz Marta Pérez. A continuación entregábase á Áncora á mellor curtametraxe animada, que foi para 'Areka', de Atxur Animazio Taldea. O premio medioambiental foi a mans de Israel González por 'Tournées'.
'Veleno', de GHZ feat Hugo Guezeta, realizado por Adrián González, foi o vídeo musical en galego gañador desta edición. Por primeira vez entregábase o Premio Crea á mellor dirección, que levou Juan Galiñanes por 'Mariñeiro', un traballo que combina ficción e realidade.
Eva Fernández obtivo o Premio especial Curtas Armadiña 2018 recoñecéndolle o seu labor interpretativo e un discurso implicado coas causas sociais, humilde e sensible.