Marta Ortega será 'mecenas' de artistas formados en Pontevedra

Pontevedra
23 de decembro 2021

Future Stories. Ou o que é o mesmo futuras historias. Este é o nome do proxecto artístico que amadriñará Marta Ortega, a flamante próxima presidenta de Inditex, en Pontevedra. O obxectivo é impulsar aos novos artistas formados en Belas Artes no inicio das súas carreiras

José Arnau e Manuel Reigosa, tras a sinatura
José Arnau e Manuel Reigosa, tras a sinatura / Universidade de Vigo

Future Stories. Ou o que é o mesmo futuras historias. Este é o nome do proxecto artístico que amadriñará Marta Ortega, a flamante próxima presidenta de Inditex, en Pontevedra. O obxectivo é impulsar aos novos artistas formados en Belas Artes no inicio das súas carreiras.

Así se recolle no protocolo asinado este xoves por Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e José Arnau, en representación de Marta Ortega, na Casa das Campás.

Este acordo, que se vai a traducir nun convenio específico, permitirá apoiar a execución e exposición de proxectos artísticos seleccionados entre os alumnos de último curso da Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

Todo este programa será posible polos ingresos xerados pola exposición Peter Lindbergh - Untold Stories, que se inaugurou o pasado 4 de decembro e que chegou a Galicia polo empeño persoal de Marta Ortega, amiga do reputado fotógrafo alemán.

A mostra, emprazada nunha nave industrial reconvertida no porto de A Coruña, reúne máis de 160 fotografías de Lindbergh, realizadas entre a década de 1980 e o ano 2018.

O reitor destacou a gran relevancia que terá este programa de mecenado para a facultade pontevedresa porque "nos permite que o alumnado seleccionado poida ter unha entrada ao mundo profesional cunha proposta artística relevante e unha gran presentación ao público".

Que Marta Ortega pensase nesta facultade "é para nós un enorme orgullo", engadiu o decano de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán, porque "pon de relevo o que representa Belas Artes no contexto galego como unha factoría xeradora de artistas".  

Os detalles do proxecto o os requisitos que deberán reunir os artistas perfilaranse nas próximas semanas, pero sempre co punto de partida de apoiar os novos artistas na súa primeira etapa tras finalizar os seus estudos na facultade.

Nese senso, Future Stories, que comprenderá unha fase de selección dos seus beneficiarios, outra de desenvolvemento dos proxectos artísticos e unha final de exposición, terá como punto de partida os traballos de fin de grao presentados polos estudantes.