O Auditorio Municipal de Caldas de Reis acolle a exposición das artistas plásticas caldenses, Marisé Canda e Ana Fariña, que baixo o título de 'Lembrazas da Vila', mostra 27 obras con Caldas de Reis como tema principal.
Cada obra exposta reflicte as rúas, os recunchos, os xardíns e ata as costumes dos caldenses no seu día a día. Tampouco faltan elementos tan simbólicos para Caldas como son os peregrinos ao seu paso polo Camiño Portugués a Santiago.
O paisaxismo e as cores cheas de matices caracterizan a obra destas dúas artistas xa moi recoñecidas en Caldas de Reis, que tamén veñen de expoñer a súa obra en Portugal. A técnica empregada por ambas as dúas é a do óleo sobre tea.
A exposición permanecerá aberta ata o día 23 en horario de 17.00 a 20.00 horas de luns a venres e de 13.00 a 14.30 e de 17.00 a 20.00 os domingos e festivos.
A concelleira de Cultura, María López, animou a toda a veciñanza e os visitantes a acudir a coñecer a exposición "de dúas grandísimas artistas caldenses". A edil remarcou que a mostra sorprende pola súa calidade artística e por ofrecer unha visión diferente de Caldas de Reis, cunha perspectiva realista con tintes impresionistas que impacta no público local pola súa vivacidade e por mostrar os escenarios urbanos e a vida cotiá de Caldas desde unha visión artística de especial beleza.
CONCERTO DE GALIFUNK
No calendario de citas culturais en Caldas de Reis, o venres 13 comezan as festas patronais na honra a Santa María e a San Roque cun reforzo da programación cultural estival que se organiza baixo o nome do emblemático festival Cultura Quente.
Ao mediodía, os míticos cabezudos de Caldas de Reis animarán as rúas na compaña do Grupo de Gaitas As Espiñas. Xa pola noite, chega a primeira da serie de propostas artísticas que se desenvolverán cada serán na Carballeira. O grupo Galifunk actuará no marco do programa Cultura no Camiño achegando ao público a súa brillante aposta pola música actual, a música disco e a música dos anos 70. Esta banda destaca pola súa orixinalidade e inspírase nas brassband americanas, cun repertorio amplo e variado, con arranxos propios e innovadores, ofrecendo concertos únicos e moi divertidos.