Marín recibiu a credencial para formar parte da Web Series World Cup, un prestixioso circuíto de festivais de series web ao que pertencen cidades como Río de Xaneiro, Miami ou Sidney.
O anuncio fíxose durante a segunda edición doJohn Balan Fest, un festival dedicado ao audiovisual e o cinema, que se celebrou durante tres días e que foi organizado polo Marín de Cine - Club Audiovisual baixo a dirección do comunicador Dani Antelo.
A entrega de premios, que tivo lugar no Museo Manuel Torres, estivo marcada pola emoción e o orgullo entre numeroso público asistente.
A actriz Uxía Blanco coñecida como "Xonxa", grazas ao papel protagonista da mítica película de Chano Piñeiro 'Sempre Xonxa', recibía o premio á traxectoria profesional nas artes escénicas. A premiada subliñou "o importante que é para unha película ter un exército de persoas para poder producila".
Durante o evento, Dani Antelo, xunto á súa muller Josselyn Linárez e o equipo de produción local, recibiu a placa que valida ao John Balan Fest - Filmes Atlánticos & Novos Medios como un dos festivais que acollerá producións de series de formato curto a partir de 2025.
Este recoñecemento sitúa a Marín no mapa dos grandes festivais de series web, xunto a cidades como Marsella, Río de Xaneiro ou Miami.
Entre os premiados, destacaron filmes como Lobo e Cão, que levou o galardón a Mellor Longametraxe, e A moza que abortou e o contou, recoñecida como a Mellor Webserie.
O Premio CREA á Mellor Dirección foi para Claudia Varejão por Lobo e Cão, mentres que Raquel Castro foi premiada pola súa interpretación en Cidade Rabat.
Tamén houbo espazo para recoñecer o Talento Emerxente, onde foron destacados Vicente del Río Laya e Hans Von Marées por Antes de que te vayas.
Ademais, o Premio do Público foi entregado á actriz e produtora marinense Mayka Braña pola súa interpretación en ¿Quién quiere ser normal?, de Chus Gómez. Braña expresou a súa emoción ao recibir este recoñecemento, sinalando que era a primeira vez que era nominada e premiada por un traballo seu.
A gala pechou cun broche de humor da man da actriz e cómica Arantxa Treus, que conseguiu sacar gargalladas ao público ata a medianoite nun espectáculo de stand-up organizado conxuntamente polo Marín Club de Cine e a Cafetería Royalty.
Dani Antelo, director do festival, salientou o éxito desta segunda edición e a importancia de Marín no circuíto internacional de festivais de series web.
"O nome de Marín aparecerá xunto ao das grandes capitais do mundo que acollen certames dedicados a este formato", afirmou Antelo.
Tamén aproveitou para pedir máis apoio das institucións locais para poder seguir medrando e consolidando o festival como un referente na escena do cinema e audiovisual galego.
* PALMARÉS
NOMINADAS E PREMIADAS
- Premio do Público: ¿Quién quiere ser normal?
- Premio de Honra: Uxía Blanco
• Mellor Longametraxe
Lobo e Cão
Cidade Rabat
Maputo Nakuzandza
Clandestina
• Mellor Curtametraxe
1. Esto no es Noruega
2. Ulises
3. Rutina
4. ¿Quién quiere ser normal?
• Mellor Webserie
1. A moza que abortou e o contou
2. Pulp Air
3. Poscoito
4. Rent - A – Pal
• Mellor Dirección e Premio CREA (Asociación Galega de Profesionais da Realización e Dirección):
1. Claudia Varejão (Lobo e Cão)
2. Maria Mire (Clandestina)
3. Ariadine Zampaulo (Maputo Nakuzandza)
4. Susana Nobre (Cidade Rabat)
• Mellor Interpratación
1. Raquel Castro (Cidade Rabat)
2. Sabina Tembe (Maputo Nakuzandza)
3. Mayka Braña (¿Quién quiere ser normal?)
4. José Luís “Trinky” (Ulises)
• Talento Emerxente
1. Vicente del Río Laya e Hans Von Marées (Antes de que te vayas)
2. Eire Cid e Rosalía Quiroga (A moza abortou e o contou)
3. Héctor Rodríguez (Poscoito)
4. Miguel Romero (Xogo de nenos)
1. Miguel Romero (Miguel Romero: Universidade de Vigo)
2. Noelia Sánchez (Doente: Universidade de Vigo)
3. Vicente del Río Laya e Hans Von Marées (Antes de que te vayas: Unversidad
Pontificia Católica de Chile)
4. Alejandro Rodríguez (O que queda: Escuela TAI)