Marín ultima coas asociacións da vila a programación cultural dos próximos meses

Marín
06 de abril 2022

O Museo Manuel Torres foi o lugar elixido polo Concello de Marín para manter unha xuntanza coas asociacións culturais da vila, co obxectivo de ultimar con elas a oferta de actividades que se celebrarán no municipio durante os próximos meses

Xuntanza do goberno municipal de Marín coas asociacións culturais
Xuntanza do goberno municipal de Marín coas asociacións culturais /

O Museo Manuel Torres foi o lugar elixido polo Concello de Marín para manter unha xuntanza coas asociacións culturais da vila, co obxectivo de ultimar con elas a oferta de actividades que se celebrarán no municipio durante os próximos meses.

As concelleiras Beatriz Rodríguez e Itziar Álvarez agardan que, tras pasar o peor da pandemia, toda a programación cultural poida reiniciarse para aproveitar a época máis festiva do ano: a primavera e o verán.

Entre outras cuestións, as edís trataron cos representantes das entidades a programación que teñen pensado levar a cabo de cara aos vindeiros meses, co obxectivo de coñecer as súas necesidades e poder axudalas para que as desenvolvan.

A intención do Concello é que todas estas asociacións "sigan sendo unha parte activa moi importante da dinamización da nosa vila", coa liberdade de programar os seus propios eventos a maiores dos que impulse a propia administración municipal.

Ademais, falaron do Plan Cultural para o presente ano, que está a piques de ser aprobado, repasando cales son os requisitos que deben cumprirse para solicitar actuacións.

Por outra banda, dado que en dous anos cambiaron cousas nalgúns colectivos, aproveitouse para facer unha actualización dos directorios e poder ter un rexistro actual das asociacións.

As entidades que estiveron presentes foron Airiños de S. Xulián, G.C. Ronsel, Ateneo Sta Cecilia, A.F. Fentos e Frouma, A.C. ocio e tempo libre Kalos, A.C. Coral Lembranzas, Amigos da Mazá e da Sidra, A.F. Pousos da Area, A.C. Amigos dos Rapaces, Irmandade Illa de Tambo, Club de Opinión Portocelo, Bolymar, A.C. Musimarin, A.c. Museo do Mar de Marín, Botón de Ancla, Picuiña, Os Chaneiros, A.C. Carballido, Trompos Ós Pes, Intercambio do Saber e Gharaboto.