O Concello de Marín está traballando na creación dun centro de ocio xuvenil multidisciplinar orientado ás novas tecnoloxías e aos intereses dos rapaces e rapazas de entre 14 e 20 anos.
Será na primeira planta do Liceo Casino, adquirido polo Concello no verán de 2019, onde traballarán para ofrecer unha programación didáctica que permita ter ofertas de ocio e culturais para a mocidade.
A presentación do proxecto de remodelación do espazo foi presentado este sábado pola alcaldesa de Marín, María Ramallo, que explicou que "queremos converter nun punto de reunión, especialmente durante o inverno, que tamén poda ofrecer cursos, charlas e outras modalidades formativas, centradas nas novas tecnoloxías tan necesarias para a xente nova".
O centro, que suporá unha inversión de 376.956,85 euros, contará cun amplo vestíbulo, que servirá como un espazo polivalente; unha sala de traballo e de estudo, unha sala de informática e unha sala de xogos e descanso.
Na planta baixa, onde estaba a sala de baile do antigo Liceo Casino, crearán o arquivo municipal tal e como anunciaron no momento da adquisición do local. Ademáis, neste espazo haberá arquivadores móbiles de accionamento mecánico, un pequeno almacén e instalarán un ascensor que facilite o acceso peonil e o traslado de cargas pesadas ao arquivo.
Estes espazos terán entradas independentes desde a Rúa Tiro Naval Janer. Este vestíbulo de entrada será retranqueado para gañar máis espazo tanto para o portal de entrada ás vivendas particulares do edificio como para poder así deixar dúas entradas para o centro de ocio e unha independente para o arquivo, de tal xeito que poidan funcionar separadamente.
Ramallo asegura que a creación deste centro é "fundamental" para poder ofrecer á xuventude marinense "un lugar que lles sirva non só a nivel social, senón formativo e de dinamización, adaptado aos seus intereses e no que poidan desenvolver o seu potencial, namentres gozan dun tempo de lecer de calidade".