Marín mergúllase no II Festival Cine do Mar

Marín
15 de novembro 2024

A segunda edición do festival celebrarase a semana do 23 ao 29 de xuño de 2025 na vila marinense

Presentación da segunda edición do Festival Cine do Mar
Presentación da segunda edición do Festival Cine do Mar / Concello de Marín

Marín prepárase para celebrar a segunda edición do Festival Cine do Mar, un evento que, do 23 ao 29 de xuño de 2025, mergullará ao público nun universo de imaxes e relatos vinculados ao mar.

Organizado pola Asociación Cultural polo Museo do Mar de Marín, este festival busca promover a cultura marítima e mariñeira e a conciencia ambiental.

Ademais, entre os seus obxectivos principais está o de fomentar o uso do galego entre a pobloación, o fomento da creación artística no ámbito audiovisual en lingua galega dirixida aos grupos de idade onde ten menos uso e prestixio.

A participación nel é totalmente libre e gratuíta, pero as obras deben centrarse en calquera temática relacionada co mar, tanto desde unha perspectiva natural como cultural e ser producidas despois do 1 de xaneiro de 2022.

As obras poden ser de calquera xénero e non poderán exceder os 30 minutos de duración con títulos de crédito incluídos. As de maior duración poden participar fóra da competición oficial.

A inscrición debe facerse a través da plataforma Festhome ou no correo elecrónico cinedomardemarin@gmail.com desde o 1 de xaneiro ao 30 de abril de 2025, ambos os dous inclusive.