Marín, Bueu e Caldas de Reis programan actividades polas Letras Galegas

Marín
09 de maio 2024

Destacarase o legado literario de Luisa Villalta que abarca a poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaios e textos xornalísticos, e en que a súa esencia persoal e creativa era unha fusión, unha dobre pertenza á música e á poesía.

Luísa Villalta con Yolanda Castaño e Emma Couceiro
Luísa Villalta con Yolanda Castaño e Emma Couceiro / RAG

En Marín convocouse un Concurso de Poesía ao que concurren un total de 77 obras. O xurado reunirase este venres e o fallo farase público o 14 de maio. Os premios entregaranse no acto institucional polo Día das Letras Galegas, que terá lugar no Museo Municipal Manuel Torres de Marín ás 12.30 horas.

A programación de actos para o Día das Letras Galegas en Marín comeza ás dez da mañá cun obradoiro de lettering “Debuxando versos”, a cargo de María Sancho. A inscrición está aberta a través do mail prensa@concellodemarin.es. Museo Municipal Manuel Torres. 

Ás 13.00 horas terá lugar o concerto de Emilio Rúa, acompañado da violonchelista María Mariño na Alameda. E, neste mesmo espazo, ás 17.30 horas será o espectáculo da Editorial Galaxia con Oviravai sobre Luísa Villalta, con reparto de exemplares de libros ao remate comezará o Concerto de primavera da Banda de Música de Marín. 

BUEU 

Tamén o Concello de Bueu, a través da Concellaría de Cultura, presenta un amplo e variado programa para celebrar as Letras Galegas 2024, no que se insiren propostas musicais, cinematográficas e literarias, un concerto da banda Dakidarría ou a tradicional Romaría das Letras de Sanamedio.

O acto de entrega dos Premios Johan Carballeira de Poesía e Xornalismo terán lugar o 25 de maio ás 12 horas.

CALDAS SÚMASE Á HOMENAXE A LUISA VILLALTA

O Concello de Caldas, a través da Biblioteca Pública Municipal, vai sumarse á homenaxe a Luísa Villalta co gallo das Letras Galegas e celebrará este venres día 10 ás seis da tarde un obradoiro ilustrado a cargo de Sheila García Prado dirixido a crianzas de máis de seis anos.

É preciso inscribirse previamente na propia biblioteca ou no teléfono 986 5306 04.

Ademais de con esta actividade, a Biblioteca tamén quere potenciar o coñecemento sobre a autora potenciando a lectura das súas obras. Para isto na entrada hai unha pequena mostra cos títulos a disposición do público tanto para lectura en sala como para préstamo.