Marín acolle o 'Encontro sobre Danzas Brancas' como preámbulo á Danza de Espadas

Marín
27 de setembro 2016

O Museo Manuel Torres acollerá o sábado un ‘Encontro sobre Danzas Brancas’, mentres que o domingo celebraranse os actos tradicionais e institucionais na honra de San Miguel, coa Danza de Espadas

Danza das Espadas
Danza das Espadas / Padroado de Mareantes de San Miguel

O Museo Manuel Torres de Marín acollerá o vindeiro sábado un 'Encontro sobre Danzas Brancas', anticipo da xornada do domingo 2 de outubro, día no que se celebrarán os actos tradicionais e institucionais en honra de San Miguel, co evento da Danza de Espadas, un emblema histórico da cultura mariñeira da vila.

O Padroado de Mareantes e o Ateneo Santa Cecilia convidan á veciñanza para participar nesta Festa de Interese Turístico de Galicia que, por primeira vez, inclúe o primeiro encontro sobre Danzas Brancas. A esta xornada convidaron diversas entidades de toda Galicia que traballan a favor da investigación, conservación e promoción das danzas gremiais, tanto na súa coreografía como na súa vertente musical. A intención é propoñer estratexias para fortalecer as expresións antropolóxicas e tomar medidas para evitar a súa desaparición.

O programa do domingo iniciarase cunha recepción protocolaria no Concello de Marín a partir das 10.30 horas, seguida da entrega de medallas, insignias, diplomas e distincións ás autoridades, danzantes e novos confrades. As persoas que queiran ser confrades poden dirixirse á oficina do Ateneo Santa Cecilia ata o xoves 29 para formalizar a solicitude.

A partir das 11.30 horas do domingo, o Templo Novo de Marín acollerá unha misa solemne en honra de San Miguel coa actuación do Coro de Cámara Thalassa.

Ao remate iniciarase unha procesión por distintos puntos de Marín no que os tres grupos de danzantes pertencentes ao Ateneo Santa Cecilia, xunto ao grupo Meigas e Trasgos, interpretarán a tradicional Danza de Espadas. Será no adro do Templo Novo, preto do Palco da Música da alameda Rosalía de Castro, na praza de España na que levará a cabo a queima de madamitas e na praza do Reloxo.