Marilia Monzón: "Sempre tiven claro o son que quería. Pero necesitaba labrar o meu camiño, facelo bonito"

Pontevedra
25 de agosto 2023

Para Marilia Monzón a música foi sempre unha carreira de fondo. Desde moi nena "cando non estaba a chorar estaba a cantar", asegura esta artista, que saltou á fama tras participar con gran éxito en OT 2018. Está a piques de editar o seu primeiro disco, que presentará este sábado no festival Río Verbena

Marilia Monzón
Marilia Monzón / Esmerarte

Para Marilia Monzón (Gáldar, As Palmas, 2000) a música foi sempre unha carreira de fondo. Desde moi nena "cando non estaba a chorar estaba a cantar", asegura esta artista, que saltou á fama tras participar con gran éxito en OT 2018, hai cinco anos.

Lembra esa etapa con moito agarimo pero defende que "agora estou subida a outro tren moi distinto e no que levo un camiño máis pausado". Está a piques de editar o seu primeiro disco, que presentará este sábado, ás 19:30 horas, no festival Río Verbena.

"Imos cantar todo o disco. É un concerto que me fai moita ilusión porque vou por primeira vez cunha banda que é marabillosa", asegura nesta entrevista con PontevedraViva. "Vai ser un festival incrible e non hai mellor plan para despedir o verán", advirte.

Este vai ser o teu terceiro concerto en Pontevedra nun ano. Tan ben te tratamos?

Estou encantadísima con Galicia. Tróuxome moitísima sorte e grandes oportunidades musicais. Estou a pensarme o do empadroamento (ri). Todo o meu equipo é galego e tamén os meus músicos, Pablo e Adrián Seijas, que son cos que empecei este proxecto.

No Río Verbena Fest será entón como actuar en casa...

Practicamente, si. Eu xa síntome galega. Trátanme como unha galega máis.

Pasaron cinco anos desde que participaches en OT 2018, foi todo como o esperabas?

Foi todo un pouco inesperado. OT foi unha etapa concreta da miña vida, unha especie de tren que só pasa unha vez na vida. Aproveitei esa experiencia, gocei a viaxe e agora estou subida a outro tren moi distinto, no que levamos un camiño máis pausado e levando a música doutro xeito. E, sobre todo, con ese agarimo e tempo que necesita a música para saian cousas bonitas.

"Sempre me sentín moi afortunada porque tiven á miña ao redor xente que respectou e apoiou o camiño que eu quería facer. E iso é o fundamental"

O teu paso por ese programa foi como un trampolín para a túa carreira, pero creo que ti xa desde nena tiñas claro que o teu era a música, non?

Si, eu xa desde moi pequena apuntaba maneiras. Cando non estaba a chorar estaba a cantar. Eu creo que aí os meus pais tiveron unha idea clave, apuntarme a clases de música. 

A pesar desa popularidade que dá a televisión, supoño que os inicios da túa carreira, xa sen o paraugas de OT, foron bastante duros. Foi así?

É certo, así foi. O programa e o que vén despois son cousas totalmente diferentes. Pero sempre me sentín moi afortunada porque tiven á miña ao redor xente que respectou e apoiou o camiño que eu quería facer. E iso é o fundamental.

Sempre tiveches claro que tipo de música querías facer?

Tiven claro desde un principio o son que quería facer e o camiño que quería tomar. Pero necesitaba labrar o meu camiño, facelo bonito. E iso levoume un tempo de introspección e de composición. Xa non queda nada para lanzar o primeiro disco. Estou feliz e con moitas ganas.

Agora que a música urbana triunfa en todo o mundo, non sentiches a tentación de probar por ese camiño?

O urbano escóitoo moito. Paréceme fabuloso nutrirnos de diferentes estilos e diferentes xéneros. Creo que é fundamental para poder facer música e inspirarnos. Pero eu sempre tiven moi claro por onde quería levar as rendas da miña carreira.

E sen perder de vista as túas raíces canarias...

Iso por suposto. A terra sempre tira e eu, alá onde vaia, a Canarias sempre a levo moi presente.

As túas cancións, ao escoitalas, notas que saen do máis íntimo de ti. Sentes esa necesidade?

Sempre digo que as miñas cancións están baseadas en historias que me pasan ou que descubro á miña ao redor. Case sempre intento que veñan de dentro porque a musica permíteme iso, sacar todo o que levo dentro e expresarme dunha forma marabillosa. 

Está claro que as cousas que vives moldéante, van deixando cicatrices...

Agora que dis o das cicatrices, Trazando rutas foi, hai xa un par de anos, o primeiro tema desta nova etapa tras OT e hai pouco volvín poñerme na pel desa Marilia, lembrando esa forma que tiña de cantar. Ségueme emocionando e removendo todas esas emocións que levaba dentro. Esa parte da música é máxica.

"O Benidorm Fest paréceme unha plataforma fantástica para dar a coñecer o talento que temos no noso país. Pero neste momento, aínda non me vexo presentándome"

E á hora de compoñer os teus temas, segues sempre a mesma rutina?

Normalmente adoito escribir nun bloc de notas ou co que teño a man. E cando chego a casa tento buscar as melodías ou o camiño por onde o quero levar. Pero realmente cambia un pouco en función de como senta en cada momento.

Estás contenta coa acollida que está a ter a túa música?

A verdade é que estou moi contenta e agradecida coa xente que me escoita, que está aí apoiándome e que quere oír eses novos temas que están a piques de saír do forno.

Ese disco centra por agora todos os teus plans?

Estou tan centrada en que todo saia redondo e que todo o que estea nas miñas mans poida estar ben, que non penso máis aló. O que teña que vir despois, virá. As cancións son as que me darán as respostas e vanme a levar por un camiño ou por outro.

Moitos dos teus ex compañeiros de OT probaron sorte no Benidorm Fest. Ti presentaríaste ao festival? Gustaríache ir a Eurovisión?

O Benidorm Fest paréceme unha plataforma fantástica para dar a coñecer o talento que temos no noso país. Pero neste momento, aínda non me vexo presentándome. Non saquei aínda o disco e quero ver como respira. Pero se algún día ten que pasar, pasará. Todo chega ao seu tempo.