A escritora Marica Campo e o ilustrador Xosé Cobas recibiron este sábado unha sentida homenaxe no marco do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra que, na súa recta final, quixo poñer en valor a labor dos autores no eido da literatura para a infancia e a mocidade.
Ambas son dúas persoas que "contribuíron a crear as bases da nosa literatura infantil e xuvenil, da que tanto nos gabamos e presumimos por mundo adiante", destacou a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, a encargada de conducir este emotivo acto.
"Non podemos deixar de agradecervos a vosa entrega, a vosa loita, o voso esforzo creativo e creador por construírdes, coas vosas palabras e imaxes, un imaxinario de noso para a cativada", engadiu a edil pontevedresa.
A música de Su Garrido Pombo foi o fío condutor da homenaxe, primeiro interpretando Muller -canción de Fuxan os ventos inspirada nun poema de Marica- e Vento morno, un tema que segundo a artista evócalle o traballo ilustrador de Xosé Cobas.
Soledad Felloza, amiga de Marica Campo, antes de cederlle a palabra fixo un percorrido pola vida persoal e profesional esta escritora "comprometida co seu tempo, nacionalista, feminista e solidaria" e lembrou que a mellor homenaxe que se pode facer é "ler a túa obra e espallala".
En resposta ás fermosas verbas da súa amiga, Campo agradeceu á organización do Salón a homenaxe pero sobre todo a súa labor de fomento da lectura e a animación cultural e dixo que "escribir sen paixón é como escribir palabras na área, que vén unha onda do mar e as leva".
Falou tamén da importancia da literatura infantil e xuvenil na configuración do universo simbólico dos nenos e nenas e pechou afirmando que "deixar unha herdanza de lingua é o mellor que podemos facer polo futuro da nosa terra".
No caso de Cobas, foi Antonio García Teijeiro o encargado de homenaxear á persoa, o traballo e a traxectoria do seu amigo Xosé Cobas, do que destacou que "é un narrador visual, un poeta da imaxe" que conta cun universo creativo "inabarcable".
Visiblemente emocionado, o artista recordou que el foi un ilustrador precoz "e penso que a auga é a mellor lectora e comunicadora porque a choiva levaba as miñas historias para que delas beberán os paxaros, as árbores o millo e o centeno".
Logo da entrega de agasallos -unhas figuras de Sargadelos do loro Ravachol- protagonizada polos netos de Cobas e a mascota Orbil, pechou o acto o alumnado do RockLab que interpretou unha peza sobre O xenio da cidade de sal de Fina Casalderrey con ilustracións de Cobas e Confeso que estou tola, inspirado nun poema de Marica.