María Victoria Moreno nacía o 1 de maio de 1939 en Valencia de Alcántara, Cáceres. Escritora, poeta, filóloga, catedrática, entre outras, é lembrada polos seus compañeiros do IES Torrente Ballester como "unha gran persoa e profesora". A día de hoxe, un grupo de docentes que imparten clase no instituto foron os seus alumnos e, máis tarde, os seus compañeiros.
Todos lembran con agarimo á escritora, que acollía a todo aquel que chegase novo ao instituto. Foi o caso de Elena Fernández, profesora de Educación Física, que lembra como María Victoria "te hacía sentir más que compañera". Segundo confesa, cando chegou nova ao centro ao principio tivo certo reparo á hora de falar coa que fora a súa profesora, pero María Victoria "era tan próxima que enseguida me hizo olvidar que lo fuera".
Rita Gómez, profesora de Filosofía, foi tamén a súa alumna e, posteriormente, a súa compañeira. "Ela o facía todo máis fácil e simple. Era moi amorosa, moi cordial, nunca mantiña as distancias contigo, nin como profesora nin como compañeira". Así a lembra tamén Mariló Valiño, profesora de Lingua Galega: "Cando cheguei ela xa estaba aquí e acolleume con agarimo. Eu non tiña moita experiencia e a tomei como modelo".
Se María Victoria era boa como compañeira de docencia, o mesmo ocorría cos estudantes aos que impartía clase. Os seus compañeiros lembran que a relación que a autora homenaxeada nas Letras Galegas 2018 tiña con eles era completamente distinta á que existe hoxe en día entre un alumno e un profesor. "Notábaselle que lle encantaba dar clase, mesmo ás veces ten vido enferma", sinalaba Rita.
Todos están de acordo en que contaxiaba o seu amor pola literatura aos demais. "En mi caso fue la única persona que consiguió que leyera ‘El Quijote’, mucho más extenso que los volúmenes de ahora", contaba Elena. Unha muller que, segundo palabras dos seus compañeiros, sentía máis "mestra" que escritora. O seu amor pola docencia era tal que, segundo cóntannos, dicía que "rexuvenecía", ao entrar nunha clase. "Conseguir motivar os alumnos e convidalos a escritura e a lectura é un mérito", recoñecía Mariló.
Elena Fernández: "María Victoria te hacía sentir más que compañera"
Algunhas das obras máis famosas de María Victoria Moreno, como 'Anagnórise' ou 'Leonardo e os fontaneiros' foron moi lidas durante unha época no instituto, algo que os profesores definen como "un orgullo". O seu amor polo galego, unha lingua e unha cultura que adoptou coma se fose a súa propia, traducíase tamén no seu interese polos alumnos que a falaban, a pesar da época. Así o lembra Rita: "Nun contexto no que outros profesores o censurarían, ela mostrou moito interese polo tema e a lingua".
A escritora de orixe estremeña deixou unha pegada imborrable no IES Torrente Ballester. O seu amor pola lingua e a literatura galegas facía que, nas súas clases, puxese maior fincapé en autores galegos, como Rosalía de Castro. María Victoria era unha escritora e profesora coa que "siempre aprendías algo, te hacía pensar, aunque no estuvieras de acuerdo con ella. Era una mujer muy interesante", lembra Elena Fernández con admiración.