Non só a Xunta de Galicia ou a Real Academia Galega acordáronse este xoves de María Victoria Moreno. Tamén o fixeron os seus propios veciños, os habitantes dunha cidade que a acolleu cos brazos abertos. No Día das Letras Galegas que se dedica a esta docente e escritora, Pontevedra sumouse ás homenaxes que se celebraron en toda Galicia.
Este, sen dúbida, sería o que máis ilusión fíxolle a María Victoria Moreno. O que vén de toda esa xente coa que compartiu unha cidade que marcou profundamente a súa traxectoria vital e profesional. Así o recoñecen os seus amigos e familiares que, como colofón a unha longa xornada de actos, participaron na homenaxe cívica celebrada na Praza de Curros Enríquez.
Para a ocasión, como é habitual cada Día das Letras Galegas, a Asociación Sociocultural O Burgo confeccionou unha alfombra floral coa imaxe da persoa á que se dedica o día grande da lingua e a literatura galega. Neste caso, unha das veciñas máis ilustres de Pontevedra: María Victoria Moreno, referente da literatura infantil e xuvenil en galego.
Na súa intervención durante esta homenaxe popular, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou que María Victoria Moreno é un "referente" para toda a cidade, unha figura "que sempre está presente entre nós".
Foi unha muller, lembrou Fernández Lores, que cando chegou a Galicia "quixo falar como os galegos", que encheu de vida "tantas páxinas de boa literatura" e que puxo "tanta intelixencia creativa" na súa relación cos demais, especialmente cos seus alumnos e amigos.
O alcalde engadiu que "se a maioría de nós proxectásemos sobre a nosa lingua un amor como o que María Victoria Moreno dedicou ao galego, teríamos un idioma vizoso, cheo de falantes e cun futuro asegurado", xa que lembrou a "grandísima lección" que deu ao dicir que "non quero falar nun idioma distinto ao que fala a persoa que elaboro ou pan que como".
"Grazas, María Victoria Moreno, pola túa enorme lección de amor, polo teu compromiso de muller e de pontevedresa coa túa lingua adoptiva", concluíu.
A homenaxe cívica contou tamén cun recital poético, a actuación dun grupo de gaitas e un breve concerto da Banda de Música de Pontevedra.