A Real Academia Galega elixirá este sábado 17 de xuño a personalidade literaria á que lle se dedicará o Día das Letras Galegas 2018. E entre as cinco candidaturas presentadas, hai dous nomes ben coñecidos para Pontevedra e a súa comarca: María Victoria Moreno e Antón Fraguas.
Segundo avanzou a Academia, María Victoria Moreno é a única muller que opta a este recoñecemento pola súa contribución á cultura literaria galega. Aínda que naceu en Estremadura en 1941, con tan só 22 anos chegou a Pontevedra onde, desde o principio, identificouse coa cultura galega e desenvolveu unha recordada carreira como mestra.
Participou activamente na vida cultural e política da cidade e do país colaborando en conferencias, cursos e encontros literarios. Ademais de novelas e contos, escribiu obras de ensaio, colaborou na redacción de libros de texto e dirixiu a colección "Árbore" da editorial Galaxia. Faleceu na cidade do Lérez en 2005.
María Victoria Moreno foi unha das mulleres incluidas na campaña #PropónUnhaMuller, impulsada pola compañía Polo Correo do Vento, co apoio do Concello de Pontevedra.
Tamén opta a protagonizar as Letras Galegas 2018 o historiador e antropólogo Antón Fraguas, nacido en Cotobade en 1905. Histórico do galeguismo, entre os seus logros está que formou parte do Seminario de Estudos Galegos, ingresou na Real Academia Galega ocupando a cadeira de Castelao e dirixiu o Museo do Pobo Galego desde que foi fundado ata a súa morte en 1999.
Xunto a estes dous persoeiros, hai outras tres candidaturas. Son as de Ricardo Carballo Calero, Plácido Ramón Castro del Río e Eusebio Lorenzo Baleirón.
O plenario do sábado elixirá a personalidade literaria a quen se lle dedicará esta conmemoración. A normativa indica que esta debe ser "autora dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe". É ademais requisito indispensable que pasaran dez anos desde a súa morte.
Ao remate da sesión plenaria, está previsto que o presidente, Víctor F. Freixanes, comunique que autor ou autora protagonizará o Día das Letras Galegas de 2018.