María Vázquez, protagonista de Matria, será a madriña do Festival de Cine do Mar

Marín
21 de maio 2024

A actriz, gañadora do Mestre Mateo á mellor interpretación feminina e da Biznaga de Plata á mellor interpretación, estará este martes en Seixo na apertura do festival, na que se proxectará a película. As entradas repártense gratis previamente no Museo do Mar.

María Vázquez, nominada a mellor actriz por 'Matria' á súa chegada á Academia de Cine
María Vázquez, nominada a mellor actriz por 'Matria' á súa chegada á Academia de Cine / EFE / JJ Guillén

O cine, o mar e a cultura estarán presentes durante toda esta semana en Marín, coa celebración do I Festival de Cine do Mar, que arranca cunha primeira edición por todo o alto contando como madriña con María Vázquez, protagonista da película 'Matria'.

A actriz estará na apertura do festival, este martes 21 de maio ás 19.30 horas no Cine Seixo, para dirixirse á audiencia e falar con ela, previamente á proxección do filme de Álvaro Gago, polo que Vázquez gañou o premio Mestre Mateo á mellor interpretación feminina e a Biznaga de Prada á mellor actriz do Festival de Cine de Málaga, ademais de acumular nominacións á mellor interpretación feminina protagonista dos XXXVIII Premios Goya e por mellor actriz protagonista aos XI Premios Feroz. 

As entradas para asistir á inauguración do festival e á proxección do filme repártense gratis previamente no Museo do Mar.

A deste martes será, por tanto, a xornada inaugural dunha semana chea de programación. A partir do mércores, todas as actividades trasládanse á Biblioteca Municipal Vidal Pazos. Ese día ás 19.00 horas, os autores Anxo Cabada e Antón Davila presentarán a súa obra 'A última dorna de Ons' e ás 20.00 horas celebrarase unha mesa redonda sobre patrimonio marítimo na que participarán Antón Pousada e Xosé Vilas, presidente do Grupo Cultural Ronsel; Fernando García, da Asociación Cultural Os Galos; Xaquín Fabeiro, presidente do Club Mariño A Reiboa, e Ramón Collazo, presidente da Asociación Galega de Carpinteiría de Ribeira.

O xoves arrancará o festival propiamente coa proxección das curtas da categoría de Ensino, coas seguintes obras presentadas: 'Entroido 2022', 'As praias de Marín', 'Mergullo nas rías' e 'Un tesouro nas rías', todas elas do CEIP Carballal; 'Mar de redes', do IES Félix Muriel; 'U-los mariñeiros en Marín?', do CEIP Sequelo; e 'Mareas vivas de Lourizán', do CPR Sagrado Corazón de Placeres.

Acto seguido, ás 20.00 horas, celebrarase a segunda mesa redonda do festival sobre o Museo do Mar de Marín, na que intervirán os membros da asociación José Antonio Pérez, María del Puerto Pérez, Xosé María Vilaboa e José Manuel Pesqueira. 

Finalmente, ás 20.30 horas, proxectarase o documental 'Homenaxe ás Mulleres do Mar', de Lukas Santiago, na que se pon en valor a traxectoria de Carmen Abreu, Chicha Domínguez, Manuela Couso, Lina Pazos, Juana Soto, Marisa Pazos, Ana González, Concepción Santiago, Dolores Dopazo e Visitación Núñez.
O venres 24 de maio será a quenda da categoría de novos creadores, coa proxección das seguintes curtas a partir das 19.00 horas: 'Cantiga', de Ángela Castro; 'Nostra In Mare Fortuna', de Álvaro Martínez; 'Treito', de Carolina Segovia; 'Dorna', de Antón Guerrero; 'Vogar', de Andrea de la Iglesia e 'Voltar do mar', de David Pérez-Rodrigo Santiago.

Unha vez rematadas as proxeccións, a partir das 20.00 horas, acompañá ao público asistente Marcos Gallego, director da Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo, un certame colaborador que traerá a proxección de tres pezas: 'Singlando do Albán', de Tito Pérez, presentado no certame no 2021; 'Atalaia/Piueiro', de Xisela Franco, mención especial do certame no 2022; 'Tatuado nos ollos levamos o pouso', de Diana Toucedo, mellor película da mostra do 2022.

GALA DE CLAUSURA

O sábado a partir das 19.00 horas celebrarse a gala de clausura, na que se entregarán os premios deliberados por un xurado formado por Diego Santaclara e Diego M. Barcia, de Trece Amarillo; dous representantes do Museo do Mar, Lukas Santiago e Dani Antelo, director do John Balan Fest.

Haberá Sardiña de Ouro, Sardiña de Prata, Rodaballo de Ouro e Mención especial e proxectaranse de novo todas as curtas que resulten gañadoras.

Para clausurar o acto, ás 20.00 horas, proxectarase 'Carpintaría de ribeira. Fasquiando o futuro', de Agalcari.