O premio literario Pinto e Maragota, o primeiro que se convoca en Galicia sobre diversidade sexual e afectiva, xa ten gañadora. Trátase da escritora lucense María Reimóndez. A súa obra, unha novela de ciencia ficción ambientada nun futuro distópico, foi a elixida.
Cobiza é, segundo a súa creadora, unha novela "bastante distinta" aos seus anteriores traballos. "Foi un desafío formal pola miña parte", explicou tras coñecerse que a súa obra fora a gañadora do premio, dotado con 3.000 euros. Será editada por Xerais en xaneiro de 2021.
Nela, sinalou Reimóndez, "buscaba explorar temas" como a escravitude ou a constitución do xénero na sociedade e facelo "con distintos espazos temporais e con distintas voces".
Ademais, no futuro que mostra a súa novela "tiveron moito que ver" pandemias como a actual do coronavirus e, segundo a súa autora, "se fala moito" da degradación ambiental ou do avance da tecnoloxía, algo que lle axudou a "procesar" a situación actual.
"Agardo que a novela axude a reflexionar sobre a sociedade que estamos construíndo entre todos", engadiu María Reimóndez, que recoñece que para ela foi un "desafío" enviar esta novela "de forma anónima e con este tipo de contidos".
Tras mostrar o seu "orgullo" por inaugurar o palmarés duns premios que, defendeu, "é moi importante que existan", a escritora apuntou que "queda moito por facer" para mellorar a forma na que "se reciben as nosas obras".
"Como escritora non heterosexual podo dicir que seguimos vendo moita violencia desde o punto de vista da crítica", lamentou a autora de obras como O club da calceta, Dúbida ou A moda galega. "Hai moito traballo por diante e premios como este axudan", subliñou.
A portavoz do xurado, Ana Ojea, recoñeceu a calidade "narrativa e innovadora" da novela premiada, da que destacou que "trata todo tipo de diversidades".
Follea, responsable da rede educativa LGTBIQ+ de Galicia, apuntou que se trata de obra "moi propicia" para o debate a nivel educativo, xa que "non é unha obra LGTBI ao uso", senón que aposta por "moitos plantexamentos diferentes".
"Custou un pouco decidir pero estamos moi contentas", afirmou a portavoz do xurado.
De entre as 24 obras presentadas, o xurado quixo citar tamén pola súa calidade o poemario Contra natura e unha obra de narrativa xuvenil titulada As sentinelas do silencio.
A edil de Igualdade, Paloma Castro, celebrou pola súa banda a "gran participación" que tivo a primeira edición do premio Pinto e Maragota, a pesar de que coa pandemia "a xente estivo recluída na casa e os escritores din que non foi bo para a inspiración".