María Luisa Merlo volve a Pontevedra con 'Mentiras inteligentes', unha comedia sobre a felicidade

Pontevedra
01 de novembro 2024

A actriz subirá ao escenario do auditorio de Afundación poucas semanas despois de cumprir 83 anos e pouco antes de que se cumpran 67 anos do seu debut no teatro

María Luisa Merlo, na obra "Mentiras inteligentes"
María Luisa Merlo, na obra "Mentiras inteligentes" / Antonio Castro - Afundación

O auditorio de Afundación en Pontevedra acollerá o vindeiro venres 8 de novembro a representación de Mentiras inteligentes, unha comedia sobre a felicidade que, entre outros, esta protagonizada pola actriz María Luisa Merlo.

Que necesitamos para ser felices? é o interrogante ao que se asoma esta obra que, tras catro anos e medio de éxito en teatros de toda España, chega agora á Boa Vila.

A trama de Mentiras inteligentes comeza no momento no que a protagonista principal, chamada Alicia, presente que o seu marido lle esconde algo sobre o seu fillo.

Para saber de que se trata, Alicia organiza unha cea con familiar: participarán, ademais do propio fillo e o esposo de Alicia, a súa nora.

A situación devén en comedia cando no transcurso do encontro comezan a emerxer na conversación sorprendentes confesións.

A obra está dirixida por Raquel Pérez e o seu elenco complétano Jesús Cisneros, Ana Escribano e Juan Jesús Valverde, coñecidos do gran público polas súas aparicións en cine e televisión.

María Luisa Merlo subirá ao escenario do auditorio de Afundación poucas semanas despois de cumprir 83 anos e pouco antes de que se cumpran 67 anos do seu debut como actriz teatral. Merlo recibiu en 2017 a medalla de ouro ao Mérito nas Belas Artes do Ministerio de Cultura.

Mentiras inteligentes aborda desde a comedia algúns dos grandes interrogantes sobre a vida, o matrimonio, a mentira ou a insatisfacción e faino unindo no escenario a dúas actrices cuxas traxectorias vitais comparten ademais unha circunstancia persoal moi especial.

Tanto a propia Merlo como Ana Escribano, a outra protagonista feminina, estiveron casadas co desaparecido actor Carlos Larrañaga.

As entradas para ver esta obra, que se representará ás 20:30 horas, pódense adquirir aínda a través da plataforma Ataquilla.com.