A Casa das Campás acolleu este venres a presentación da novela 'Yo no te cuido', un relato inspirado en feitos reais atendidos nos servizos de Traballo Social hospitalarios e escrito pola traballadora social da Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés María José Lozano Lorenzo.
Na obra, os protagonistas visibilizan a realidade do abandono sen posibilidade de acollida, producto dun dano irreparable e que se produce con frecuencia nos servizos de Traballo Social hospitalarios. Violeta e os seus irmáns, testemuñas e vítimas dos malos tratos que sufriu a súa nai, trasladan a trama a unha paisaxe de amor e de dor que os leva a dicir ao seu pai, ancián e enfermo, "Yo no te cuido".
Tal e como sinaliu a autora, "trátase dunha novela curta urbana, baseada en feitos reais atendidos nos servizos hospitalarios de Traballo Social, sobre a secuela dos malos tratos e a violencia de xénero. O título xa ofrece pistas do seu contido e resulta revelador dos dilemas morais que unha situación de malos tratos pode provocar a quen a padeza ao longo da súa vida. A día de hoxe, aínda que o problema queda lonxe de estar resolto, existe unha maior concienciación xeral sobre o mesmo e hai, sen dúbida, un esforzo por parte das institucións para insistir ante as vítimas de que o seu deber é acudir de xeito inmediato, e denunciar o seu caso, ás autoridades competentes".
María José Lozano Lorenzo é traballadora social do Servizo Galego de Saúde, terapeuta e coach. Posúe, así mesmo, un Máster en programación neurolinguística, tamén é diplomada en hipnose Ericksoniana e modeladora conductual profesional.
Escribiu ademais diversos artigos científicos de traballo social clínico, compaxina a súa actividade desta especialidade na Sanidade Pública galega dende hai máis de tres décadas cunha consultoría sistémica. Tamén é autora de contos pedagóxicos infantís e doutras dúas obras literarias.