Desde Arxentina chega a nova confirmación do festival Bigsound que Pontevedra acollerá, por primeira vez, os días 11 e 12 de xullo. Trátase dunha das grandes estrelas latinas da música urbana, María Becerra, que será un dos atractivos do evento.
Así o avanzaron este mércores os organizadores do festival, que aseguran que o de Pontevedra será o único concerto que a artista dará este ano en Galicia.
"A nena de Arxentina tiña que estar en terras galegas pa montarnos un pary que lembrarán sempre", apunta o festival a través das redes sociais.
Con máis de 20 millóns de oíntes mensuais en Spotify, María Becerra é unha das artistas máis destacadas da música latina. Saltou á fama en 2015 cando comezou a crear contido para YouTube, onde conta con máis de cinco millóns de subscritores.
Con dous discos editados -Animal (2021) e La nena de Argentina(2022) e un terceiro en camiño-, Becerra colaborou ao longo de todos estes anos con artistas da talla de J Balvin, Camila Cabello, Becky G, Rauw Alejandro, Pablo Alborán ou Manuel Turizo.
Obtivo até sete candidaturas aos premios Latin Grammy.
Seus son éxitos como Miénteme, Automático, Ojalá, Corazón vacío, ¿Qué Más Pues? ou o máis recente dos seus temas, a balada Tatu, adianto do seu próximo álbum.
María Becerra únese a un festival de música urbana que reunirá no Parque de Tafisa a artistas como Nicky Jam, Juan Magán, Omar Montes, Amaia, Rels B, Abraham Mateo ou Tanxugueiras.
Leire Martínez, Cali y El Dandee, La Zowi, Ptazeta, Julieta, DePol, Marc Seguí, Luck Ra e María Escarmento completan o cartel desta primeira edición do festival Bigsound Pontevedra.
Os abonos, que seguen á venda na web do festival, aumentarán de prezo até os 65 euros a partir deste xoves.