A académica e cineasta Margarita Ledo converteuse na primeira muller galardoada co premio Otero Pedrayo, promovido pola Xunta e as catro deputacións galegas para recoñecer a traxectoria de persoeiros destacados da cultura galega, nos seus 40 anos de historia.
A súa candidatura fora proposta pola Deputación de Pontevedra, que este ano é a encargada de convocar este premio. A concesión foi aprobada por unanimidade do xurado.
Co premio quérese destacar "especialmente" a traxectoria vital, profesional e intelectual de Margarita Ledo, marcada pola súa temperá militancia política, o exilio e o lectorado de galego na facultade de Letras da Universidade de Porto, o xornalismo comprometido e as primeiras investigacións sobre as relacións dos intelectuais republicanos galegos e portugueses.
O xurado destacou ademais o seu papel como "pioneira" no uso de xéneros audiovisuais que non estaban desenvolvidos en Galicia e sempre tendo presente a perspectiva de xénero en todos os seus traballos, investigacións e intervencións públicas. Tamén se referenciou a súa defensa do galego "en pé de igualdade" cos demais idiomas da península.
Tras dar a coñecer o fallo do xurado, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, sinalou que hoxe é un día "feliz" para a cultura galega, ao conceder este premio por vez primeira a unha muller "por méritos máis que sobrados" e pola súa capacidade de defensa do idioma e da cultura galega.
Na conversa que mantivo coa académica lucense para comunicarlle a concesión do premio, Silva trasladoulle o "moitísimo agarimo e respecto" amosado polos membros do xurado. "Saímos todos felices como se o premio fose noso", destacou.
Margarita Ledo Andión naceu en Castro de Rei (Lugo) no ano 1951. É escritora, cineasta, doutora en Ciencias da Información pola Universitat Autònoma de Barcelona e catedrática de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela.
É membro da Real Academia Galega desde o ano 2009, converténdose na quinta muller membro desta institución. Ademais, ocupa a cadeira que entre 1929 e 1976 ocupara o gran escritor Ramón Otero Pedrayo.
O premio ten unha dotación económica de 16.000 euros.