Margarita Ledo e Xacio Baño mostran onde se agochan Indiana Jones, John Ford e Kubrick no Museo de Pontevedra

Pontevedra
29 de abril 2018

A última Visita Cruzada ao Museo de Pontevedra deste 2018 tivo como protagonistas a dous expertos sobre o cinema. Invitaron a dar un salto temporal desde os petróglifos ata as vangardas artísticas pasando por imaxes relacionadas co western ou coas películas de vampiros

Visitas Cruzadas no Museo: Margarita Ledo e Xacio Baño
Visitas Cruzadas no Museo: Margarita Ledo e Xacio Baño / Mónica Patxot

A última das Visitas Cruzadas deste 2018 ao Museo de Pontevedra converteuse nunha elipse temporal digna de Stanley Kubrick en '2001, unha odisea no espazo'. Nesta ocasión no lugar dun monolito que desvela os segredos da humanidade atopábanse a escritora, profesora e cineasta Margarita Ledo e o director de cine Xacio Baño. Eles foron amosando elementos de luz e sombra cinéfila en diversas obras do espazo museístico ás 50 persoas que formaban parte dos dous grupos da visita deste domingo 29 de abril.

XACIO BAÑO, DE INDIANA JONES ÁS MONTAÑAS DE LOIS PATIÑO

Xacio Baño comezaba o seu traxecto lembrando ao arqueólogo Indiana Jones deixando case a escuras a sala do edificio Sarmiento onde se pode ver a Laxida dun cervo, un petróglifo que se remonta a 3.000 anos antes de Cristo. O director, axudado cunha lanterna, explicaba como a través dun plano xeral a imaxe que se recreaba era a da caza dun cervo por parte de dúas figuras.

Deste xeito, trasladou a importancia do ritual e da áurea que rodea a actividade artística na procura de preguntas. A continuación, facendo unha similitude cos monos da película de Kubrick, invitou a dar un salto temporal de miles de anos para pasar das cavernas a arte vangardista do século XX coas obras de Leopoldo Nóvoa situadas no último andar do Museo. 

Deste esta maneira, Xacio Baño achegou ao seu grupo ata a obra Rouge à relief oblique dominan do pintor pontevedrés para indicar que, malia este salto temporal, a arte segue a xogar coas luces, crea sombras, emprega a escuridade e provoca sensacións nos espectadores. O cineasta narrou o incendio que Nóvoa sufriu no seu estudo de París en 1979 onde perdeu todas as súas obras e como volveu a crear empregando a cinza daquel desgraciado accidente para elaborar novas obras que tamén se poden ver no Museo pontevedrés.

"Rexurdiu como ave fénix", destacou Baño que apuntou como a Nóvoa lle interesaba crear unha zona escura nos seus traballos abstractos, onde o espectador e o artista chegaran a entenderse. Na súa parada ante o cadro do pintor de Salcedo fixo visible como na arte de vangarda "algo sucede", de forma que as obras non son planas e o artista segue a facerse preguntas como xa se facía nas primeiras pinturas prehistóricas.

Por último, o director encendeu unha pantalla para reivindicar as artes videográficas, as imaxes en movemento nos museos. A filmación Montaña en sombra do artista vigués Lois Patiño agromou ofrecendo esquiadores que camiñan na paisaxe como formigas para o sorprendido espectador. A forza icónica desta película serviulle a Xacio Baño para lembrar como estes traballos recollen a mesma intención de fondo que os dos primeiros habitantes do planeta, explorar a relación da especie humana coa natureza e trasladar a pregunta universal: onde estamos?

MARGARITA LEDO, ENTRE VAMPIRAS E O WESTERN DE JOHN FORD

Mentres, a xornalista, escritora e especialista en cine Margarita Ledo facía un percorrido que quería ofrecer un paralelismo entre os retratos e paisaxes pictóricas cos personaxes das películas e as escenografías cinematográficas.

Dama con antiface, de Raimundo de Madrazo y Garreta, serviu para analizar a importancia visual desta obra de 1880 onde se recolle a imaxe de Aline Masson, a muller da que namorara o artista na súa estancia en París. Ledo destacou o trazo e o equilibro deste retrato. Nel pode observarse o cabelo crecho e as burbullas do champán nunha pintura onde o artista busca crear unha atmosfera entre o cadro e o espectador. Para a guía este retrato recrea a ilusión dunha vampira inocente. 

As influenzas de Bram Stoker, autor de Drácula, proseguían no Museo de Pontevedra. Margarita Ledo invitou ao seu grupo a observar o cadro Retrato de dúas mozas do compostelán Modesto Brocos para preguntar: "cal delas foi xa mordida?" A pregunta permitía explicar como a pintura romántica vai cara ao interior, ao detalle. As mulleres do cadro non poden aparecer reflectidas nun espello porque son vampiras e por iso necesitan verse a través dun cadro, afirmou a xornalista luguesa. 

Tras as sombras chegaron as luces das paisaxes abertas de Ovidio Murguía de Castro, o pintor fillo da escritora Rosalía de Castro. Nelas, Margarita Ledo vía os escenarios das películas do oeste como A caravana de John Ford. "Son grandes espazos", indicou recollendo a relación de igualdade entre as persoas e a natureza. A autora destacaba tamén a importancia das paisaxes como reivindicación de país. Neste sentido apuntaba que foi Rosalía a primeira escritora que incluíu a palabra "paisaxe" nunha obra en língua galega.

Tamén natureza ofrece Manuel Colmeiro nos seus cadros pero as súas paisaxes están habitadas e as figuras traballan a terra. Obras como Sol de verán, de 1929 recollen esa fórmula característica do pintor de Silleda. Ledo fixou a atención nas representacións do feminismo a través das pezas onde aparecen as mulleres labregas.

Margarita Ledo rematou a súa visita achegándose ás obras escultóricas de Xosé Eiroa. Nelas se ofrece unha recreación dunha muller "moi sólida, moi traballada e mitificada". A escritora reclamou que a escultura A nai, que ocupaba a entrada da sede do Seminario de Estudos Galegos e que rematou en mans privadas durante a etapa franquista, volva a mans da administración pública e propuxo o Museo pontevedrés como espazo onde acollela.

Ámbolos guías ocasionais, Ledo y Baño, levaron de lembranza desta experiencia unha filmación panorámica, que gravaron cos seus móbiles no momento en que se cruzaron os dous grupos. Os cineastas recollían a imaxe de todas as persoas que acompañaron a última Visita Cruzada deste ano, entre as que se atopaba a actriz marinense Mayka Braña, coñecida popularmente polo seu traballo na serie da TVG, Pazo de Familia

O deputado de Cultura, Xosé Leal, anunciou que o vindeiro ano haberá unha terceira edición das Visitas Cruzadaspero cun novo formato sorpresa. O responsable provincial de Cultura mostrou a súa satisfacción polo interese que está a espertar esta fórmula que promove un estilo diferente de achegarse ao patrimonio artístico.