Manuel Moldes crea un mural efémero e cheo de cor para se adentrar no Sexto Edificio do Museo

Pontevedra
21 de xullo 2017

Este mural é o primeiro paso da exposición 'Pontevedra Suite', que se inaugura o xoves 27 no Museo pontevedrés cun repaso a súa traxectoria artística

Mural de Manuel Moldes na cristaleira do Sexto Edificio do Museo
Mural de Manuel Moldes na cristaleira do Sexto Edificio do Museo / Mónica Patxot

O pintor pontevedrés Manuel Moldes atópase durante estas xornadas cunha vasoira e pinceis entre as mans cos que elabora un enorme mural sobre a cristaleira do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra.

O popular artista afirma que quere dar unha imaxe contemporánea e actual á fachada do edificio para animar o espazo urbano. Explica que se trata dun mural sinxelo, que realiza con motivo da inauguración o vindeiro xoves 27 da súa mostra 'Pontevedra Suite' no Museo pontevedrés, na que realizará un repaso á súa traxectoria e ocupará as salas de exposición da planta baixa do edificio.

"Será unha exposición curiosa", confesa divertido indicando que se poderá ver o seu modo de entender "como pasa a vida a través da pintura".

Con este mural, que chama a atención dos viandantes, afirma que quere xogar coas cores e o territorio para facer máis agradable a contorna do inmoble. Na obra faise un chamamento á choiva "que tamén nos fai falta" facendo referencia aos chorros de pintura branca que se deslizan polos cristais. "Eu quero sol no verán, pero a auga é necesaria", aclara.

Asegura que se trata do mural máis grande que ten realizado e lembra o que levara a cabo no ano 1987 na sede da Uned, de 13 metros e que tamén facía esquina. A diferenza atópase en que no Museo o traballo é de inmediatez, de emoción directa e efémero.