O xurado do XXVI Premio Johan Carballeira de Poesía, convocado polo Concello de Bueu, elixiu como gañador a Manuel López Rodríguez co poemario "831-Urb" entre as cincuenta e tres obras presentadas.
O xurado estaba conformado polas poetas e profesoras Lucía Novas, Elvira Ribeiro e Antón Lopo, poeta e editor. Definiron a obra gañadora como "un libro de distopía cunha forte narratividade que ensaia unha forma de poesía híbrida, metamórfica onde o poder é descrito con crueza".
Ademais, destacaron que este poemario "pode lerse tamén coma unha aventura de disfraces".
O premio para López é de 1.500 euros e o seu poemario publicarase o próximo ano na colección de poesía da editorial Xerais.
López é un escritor de Noia que cofundou o "Colectivo Literario Sacó", da A.C Éteatro e da Asociación Audiovisual Paradiso. Publicou libros individuais como Antítese nativa, Rompe, Desde onde non nace, Vangarda ule ou Nas pulsacións. Aparte destas publicacións, tamén participou en revistas e volumes colectivos.
Esta é a vixésima sexta edición do certame, que durante estes anos premiou a poetas recoñecidos como Xosé Carlos Caneiro, Emma Pedreira, Yolanda Castaño, Xurxo Alonso, Mario Regueira, Berta Dávila ou María Carmen Caramés, entre outros escritores.
Este venres 28 reunirase o xurado que decidirá a proposta gañadora na categoría de xornalismo.