Manuel Bragado e Luis Ventoso reciben os premios de xornalismo Fernández del Riego e Julio Camba

Pontevedra
28 de outubro 2014

O xurado estivo composto por Ramón Pernas (en representación de Ámbito Cultural de El Corte Inglés), Víctor Fernández Freixanes, Carlos Valle e Alfredo Conde

Entrega dos premios de xornalismo Fernández del Riego e Julio Camba 2014
Entrega dos premios de xornalismo Fernández del Riego e Julio Camba 2014 / Diego Torrad

Afundación fixo entrega este martes 28 de outubro no Café Moderno, dos seus premios de xornalismo Fernández del Riego (lingua galega) e Julio Camba (lingua castelá), que nesta ocasión galardoan a Manuel Bragado e Luis Ventoso, nesta undécima edición do primeiro premio e na trixésimo quinta do segundo. O xurado estivo composto por Ramón Pernas (en representación de Ámbito Cultural de El Corte Inglés), Víctor Fernández Freixanes, Carlos Valle e Alfredo Conde.

Os premios distinguiron a Manuel Bragado polo seu artigo titulado "Illa soidade", publicado no blog Brétemas e na edición impresa de Faro de Vigo o 24 de decembro de 2013, e a Luis Ventoso polo texto "Contra todo prognóstico" aparecido en ABC, "A terceira", o 14 de novembro de 2013.

O artigo de Bragado, de corte social, chama á reflexión sobre os casos de exclusión social no actual contexto de crise. Así mesmo, o artigo gañador do Julio Camba, asinado por Luis Ventoso, é un texto literario que fala de Marcel Proust e do universo particular que constrúe en Na busca do tempo perdido, unha obra que para Ventoso é "unha escola da vida".