Manolo Rivas, Luis García Montero, Ledicia Costas, Carlos Núñez e moito máis no sábado de Culturgal

Pontevedra
01 de decembro 2018

Culturgal 2018 abre as portas na súa segunda xornada de Feira con máis de sesenta actividades en programa máis as organizadas polos propios expositores dentro do recinto

Culturgal 2018
Culturgal 2018 / Mónica Patxot

Culturgal 2018 abre as portas na súa segunda xornada de feira con máis de sesenta actividades en programa máis as organizadas polos propios expositores dentro do recinto.

Unha xornada, a do sábado, que se clausura co concerto de Carlos Núñez no Auditorio do Pazo da Cultura ás 21:30 horas dentro da súa xira "A irmandade dos celtas" e para o que xa quedan apenas entradas á venda en ticketea no que será un cheo esta noite.

Pero a xornada dá moito de si, con moita atención para o público familiar e infantil cunha programación que arranca ás 11 horas con Ciencia á Feira do CSIC Galicia e Divulgacción e que inclúe diferentes obradoiros para cativada, cinema, o concerto do certame infantil Quero Cantar e espectáculos durante todo o dìa no Espazo Infantil Deleite e na Carpa.

Será tamén unha grande xornada para o público que quere atoparse cos seus escritores favoritos, con presentacións e sinaturas de libros de Ledicia Costas, Yolanda Castaño, Pedro Feijoo, Manolo Rivas cunha lectura de "Vivir sen permiso e outras historias de Oeste" ou Luis García Montero, poeta e actual director do Instituto Cervantes, que vén presentar a súa antoloxía en galego "O dono do derradeiro minuto", traducida por Isaac Xubín e publicada por Tulipa Editora.

Tamén o que fora alcalde de Pontevedra, José Rivas Fontán, pasará a asinar o seu libro de memorias co xornalista Adrián Rodríguez no stand de Alvarellos Editora ás doce do mediodía.

No Espazo Foro haberá moita variedade de propostas como a presentación da Familia Vázquez TV, unha familia xordomuda e artista, ou a presentación do libro "Dúbidas reais de adolescentes sobre sexo" de Catro Ventos Editora.

O Espazo Arte Contemporánea acolle ademais a exposición de fondos de artistas mulleres na colección da Deputación da Coruña e a vista do fotógrafo Vari Caramés co seu libro "Lugares".

Arquivado en