Pontevedra segue dando forma ao seu cartel de concertos para as Festas da Peregrina 2013. Tras confirmarse a presenza de Auryn, agora é a quenda dunha das artistas máis recoñecidas do panoramal musical español. Malú actuará na Praza de España de Pontevedra o 16 de agosto. Será, como sempre, cun concerto gratuito. A noticia, desvelada polo seu club de fans, foi confirmada por PontevedraViva co entorno da artista.
Malú é unha das voces indiscutibles do pop español. Nada no seo dunha familia de grandes artistas, creceu rodeada de talento, arte e música. Sobriña de Paco de Lucía e filla de Pepe de Lucía, comezou a súa carreira con tan só 15 anos. Tivo como padriño de excepción a Alejandro Sanz quen compuxo para ela Aprendiz tema que rápidamente converteuse nun gran éxito.
Desde ese momento, Malú desenvolveu unha das carreiras máis sólidas e respectadas da música en España con máis de dous millóns de copias vendidas, dez discos publicados, 19 discos de Platino e numerosos recoñecementos entre eles a nominación aos Grammy Latinos 2011 na categoría de Mellor Álbum Vocal Pop Feminino. A súa popularidade actual viuse incrementada grazas á súa presenza como 'coach' no programa La Voz.
Chegará a Pontevedra para presentar o seu novo traballo discográfico, Dual, que se estreou o pasado mes de novembro cunha canción inédita a dúo con Aleks Syntek Solo el amor nos salvará. Dual contén 24 temas, seis deles inéditos, cantados a dúo cos artistas máis importantes e representativos do momento. Entre os temas inéditos, atopámonos a artistas como: Melendi, Pablo Alborán, David Bisbal, Revolver, Tiziano Ferro e Leonel García.
Dual inclúe ademais exitosos temas cantados ao longo de toda a súa carreira artística como Corazón Partío con Alejandro Sanz, Devuélveme la vida con Antonio Orozco, Enamorada, con David De Maria, Linda con Miguel Bosé y Contigo aprendí con Alejandro Fernández, entre outros artistas.
A xira deste novo disco comezou o pasado mes de febreiro en Vigo, cidade na que deu o seu primeiro concerto en Galicia. Tras varias actuacións en España, a artista desprazouse a México para promocionar o seu disco. Coa súa volta ao noso país retoma a súa axenda de concertos. Ademais do de Pontevedra e do que dará en Ferrol o próximo 15 de xuño, Malú ofrecerá outro concerto en terras galegas. Será na Coruña o 11 de agosto.