Máis de sete mil persoas pasaron polo Culturgal na súa segunda xornada

Pontevedra
01 de decembro 2018

O Pazo da Cultura acolleu a milleiros de persoas nunha xornada de reivindicación da diversidade, de visita de moitos escritores e de protagonismo do público familiar

Culturgal 2018
Culturgal 2018 /

Un programa moi diverso e un tempo meteorolóxico que levaba o nome de Culturgal 2018 (nin choiva, nin sol) fixo que a feira se ateigara de xente o sábado 1. O Pazo da Cultura acolleu a milleiros de persoas nunha xornada de reivindicación da diversidade, de visita de moitos escritores e de protagonismo do público familiar. O concerto de Carlos Núñez, con cheo, pechou a segunda xornada de Culturgal 2018 no auditorio do Pazo, con capacidade para 750 persoas.

Unha feira máis integradora, atenta á diversidade de públicos. Así quere ser Culturgal, traballando cada ano por rachar máis barreiras entre a actividade cultural e os públicos. Da man da Secretaría Xeral de Política Lingüística celebrouse o Dia Internacional das Persoas con Discapacidade, nun espazo infantil ateigado que berrou a prol da diferenza e da integración.

Tamén chegou a Culturgal na xornada do sábado a Familia Vázquez, familia xordomuda, artista e xenial no seu traballo a favor da visibilización e dinamización das persoas xordomudas e da lingua de signos.

O día comezaba con Ciencia á Feira, unha proposta do CSIC Galicia e Divulgacción, que trouxeron a Culturgal a divulgadores científicos que convidaron ao público a participar de distintos obradoiros e experimentos.

Os científicos de Divulgacción continuaron pola tarde na feira coa iniciativa itinerante "Charlas de Ciencia baixo un 7 parroquias", desafiando ás familias a pequenos retos científicos baixo un paraugas.

O público familiar foi, sen dúbida, protagonista da xornada que incluía no seu programa os espectáculos novos de Pablo Díaz e Charo Pita así como o concerto cos premiados do festival musical infantil Quero Cantar promovido pola Deputación da Coruña. Tamén na carpa, pero xa para público adulto, puideron disfrutar de varios concertos como o de Mielitza ou o que pechou a xornada, NAO presentando disco "Ata que o lume se apague".

LITERATURA

Escritores como Ledicia Costas, Yolanda Castaño, Pedro Feijoo, Manolo Rivas ou Luis García Montero pasaron pola feira o sábado. O poeta granadino e actual director do Instituto Cervantes, presentou a súa antoloxía en galego "O dono do derradeiro minuto" traducida por Isaac Xubín e publicada por Tulipa Editora.

Manuel Rivas, no último tramo da tarde encheu o espazo Foro cunha lectura da súa xa televisiva obra "Vivir sen permiso e outras historias de Oeste".

Tamén no Foro presentouse o libro escrito pola xinecóloga Sabela Iglesias e editado por Catro Ventos titulado "Dúbidas reais de adolescentes sobre sexo".

No Espazo Arte Contemporánea, no que se poden ver as dúas magníficas exposicións: "DAC. Artistas Mulleres de Colección. Fondos do Patrimonio da Deputación da Coruña" e "Fotografía en Curso. Retrato da nosa contorna", mostra ao redor do programa pedagóxico de creación do mesmo título do CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe)-Filmoteca de Galicia, tamén se presentou o libro Lugares de Vari Caramés, a plataforma Apo'strophe de visibilización da arte e dos artistas de toda as disciplinas e o programa expositivo da Cidade da Cultura de Galicia.

Arquivado en