Máis de 50 artistas participarán na homenaxe a Dany Moure

Pontevedra
25 de abril 2024

A asociación 'Nothing but the blues' organiza este concerto especial o vindeiro 4 de maio, na zona das Palmeiras, ao carón da Alameda

A asociación 'Nothing but the blues' presenta a homenaxe a Dany Moure
A asociación 'Nothing but the blues' presenta a homenaxe a Dany Moure

Máis de 50 artistas participarán no concerto homenaxe a Dany Moure, finado o pasado ano, que a asociación 'Nothing but the blues' realizará o vindeiro 4 de maio, na zona das Palmeiras, ao carón da Alameda.

Esta homenaxe será toda unha festa, que se iniciará ás 18.00 horas, no paseo de Rosalía de Castro (nas Palmeiras) onde os músicos subirán ao escenario a tocar blues e rock and roll.

A presidenta da asociación, Katia Palmeiro, lembrou que a data escollida non é casual, indicando que sería o aniversario do nacemento de Dany Moure, e que cumpriría 45 anos este 2024. 

"Que mellor que xuntarnos para facerlle o mellor regalo que era subir ao redor de 50 persoas enriba dun escenario para levar a festa ao máis arriba posible, aos lados, cara diante, cara atrás... do xeito máis explosivo que saibamos", indicou.

Palmeiro invitou a toda a cidade a gozar desta celebración, aberta a todo o mundo, coa música como base. 

"A Dany encantáballe celebrar a vida cantando, e non se me ocorre agasallo mellor ca este. É o primeiro evento que realizamos a través desta asociación e pareceunos o máis apropiado", engadiu.

O colectivo sen ánimo de lucro tamén quixo indicar que aínda se pode colaborar no campaña de recadación de fondos que se lanzou para poder realizar este evento —que xa logrou o seu obxectivo—, e agradecen a colaboración prestada. Ademais, todos os músicos participantes farano de xeito altruísta.