Máis de 22.000 persoas gozaron do SonRías Baixas

Bueu
04 de agosto 2019

O SonRías Baixas congregou na súa XVII edición a 22.065 persoas, que puxeron rumbo ao Destino SonRías dende toda a península, para gozar de tres días e tres noites de música, gastronomía e praia

Concerto de La Pegatina no SonRías Baixas
Concerto de La Pegatina no SonRías Baixas / Oscar Corral

O SonRías Baixas congregou na súa XVII edición a 22.065 persoas, que puxeron rumbo ao Destino SonRías dende toda a península, para gozar de tres días e tres noites de música, gastronomía e praia.

A organización apostou nesta edición de madurez por consolidar o modelo de ocio activo, completando a súa programación musical festiva e de calidade con actividades complementarias que reforzan a súa integración no territorio, como a completa e innovadora oferta gastronómica a partir do Polbo das Rías ou a cata de viño Tinto Femia que se ofreceu, de xeito gratuíto, a 25 asistentes ao festival.

E o público respondeu, ofrecendo unha nova marca histórica para o festival, que cada ano xera na comarca un impacto superior ao millón de euros, cunha ocupación hoteleira do 100% e cos establecementos da vila ateigados de festivaleiros de toda Galicia e do resto do Estado.

O reto, para a organización, é seguir medrando e mellorando sen perder a esencia dun festival que naceu da paixón polos festivais do equipo directivo.