Preto de 1.200 escolares en compañía de profesores asistiron durante esta mañá do martes 19 á sesión matinal de Seis Barbudos coa narración e interpretación de María Lado e Lucía Aldao acompañadas polo Seminario Permanente de Jazz e durante a tarde, de novo, numeroso público asistiu a este espectáculo interactivo que combina teatro e música baseado no libro do mesmo título de OQO Editora.
Coa asistencia deste público, a edición deste ano acada xa as 20.000 visitas, superando as que acudiron durante 2012 cando o Salón duraba unha semana máis.
Durante este mércores 20 de marzo, xa no tramo final deste Salón do Libro, se desenvolverá un obradoiro de construción de robots, unha sesión de cuentacuentos a partir das 18:30 h. e unha dobre sesión do espectáculo Románticos da compañía humorística Mofa e Mofa. Pola mañá será para centros concertados e a partir das 9 da noite chegará a sesión para todos os públicos no Auditorio do Pazo dá Cultura. Xunto ao dúo formado por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira, o escenario contará coa presenza do músico Piti Sanz e o narrador e director do espectáculo, Quico Cadaval.
Mofa e Mofa ofrecen unha montaxe con auténtico espírito romántico no que se poderá considerar a loita do monstro de Frankestein contra o sinistro Julio Iglesias. Entre ambos os dous producirase unha competición de cicatrices operatorias. Tamén se poderá escoitar as asombrosas revelacións do psicanalista arxentino de Rosalía de Castro ou ao conde Drácula cantando o afamado bolero Pasarán máis de mil anos.
As entradas para Románticos teñen un prezo de 5 euros.