Máis de 13.000 persoas visitaron a exposición Castelao Artista no Sexto Edificio do Museo

Pontevedra
06 de xuño 2016

Nos últimos nove meses, no Museo de Pontevedra non houbo unha mostra máis visitada que Castelao Artista. Os fundamentos do seu estilo (1905-1920). En total, foron 13.131 persoas as que acudiron a ver a exposición coa que a Deputación de Pontevedra abría o Ano Castelao

Montaxe da exposición "Castelao Artista" no Museo de Pontevedra
Montaxe da exposición "Castelao Artista" no Museo de Pontevedra / Mónica Patxot

Nos últimos nove meses, no Museo de Pontevedra non houbo unha mostra máis visitada que Castelao Artista. Os fundamentos do seu estilo (1905-1920). En total, foron 13.131 persoas as que acudiron a ver a exposición coa que a Deputación de Pontevedra abría o Ano Castelao.

Este éxito de público foi cualificado polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, como "moi significativo do interese que esperta na sociedade a figura e a arte de Castelao, e esperamos que esta tendencia continúe coa segunda gran exposición sobre este artista que inauguraremos a final de mes".

Destas cifras cabe salientar que nos últimos días da exposición, entre o 1 e o 5 de xuño, se contabilizaron 1.584 visitas. No mes de maio os visitantes ascenderon a 5.133, e no de abril a 6.414, dos cales 468 corresponden ao acto de inauguración do día 1. Mentres, ao ciclo de conferencias complementarias asistiron 129 persoas. 

'Castelao Artista' non só revisaba unha das facetas menos coñecidas de Castelao, os inicios da súa traxectoria, senón que ademais ofrecía o aliciente de amosar xuntas por primeira vez todas as súas obras de gran formato conservadas en Galicia.

Durante algo máis de dous meses, no Museo de Pontevedra os visitantes puideron facer un percorrido cronolóxico polos primeiros anos de Castelao, que tomaba como punto de partida o ano 1905 por ser a data na que aparece a súa primeira obra asinada, continuaba cos seus óleos de gran formato pintados entre o 1912 e 1917, e remataba cun último período no que xa está presente a elaboración do Álbúm Nós, que segundo documentou o propio Castelao foi realizado entre os anos 1916 e 1918 cando xa vivía en Pontevedra e que coincide tamén co seu ingreso nas Irmandades da Fala. 

O 80% da obra exposta xa se atopaba no Museo, mentres que o 20% restante foi cedida por parte de particulares e institucións públicas e privadas, como Afundación, a Fundación Rodríguez Iglesias, a Real Academia Galega, ou o Recreo Cultural da Estrada

Esta mostra, que deu inicio ao Ano Castelao no Museo, terá continuidade coa exposición Meu Pontevedra que abrirá as súas portas ao público o 28 de xuño. Esta data foi escollida por ser a do plebiscito do Estatuto de Autonomía para Galicia de 1936, e a mostra fará un percorrido pola significación artística, política e persoal de Castelao en relación á súa estancia en Pontevedra, con motivo do centenario da súa chegada á cidade.

O título da exposición Meu Pontevedra reproduce o título do texto que o propio Castelao escribiu para a revista do Centro Pontevedrés de Bos Aires, rememorando os tempos nos que viviu na cidade do Lérez.