Máis de 12.000 persoas pasaron polo Salón do Libro nos seus primeiros 10 días

Pontevedra
16 de abril 2018

O Salón do libro 'Mulleres de conto' remata a segunda fin de semana cunha valoración máis que positiva e salientando o éxito das actividades programadas para profesionais da docencia, a ilustración e o público adolescente

Segunda fin de semana do Salón do Libro 2018
Segunda fin de semana do Salón do Libro 2018 / Diego Torrado

O Salón do libro 'Mulleres de conto' finaliza a segunda fin de semana cunha valoración máis que positiva e destacando o éxito das actividades programadas para profesionais da docencia, a ilustración e o público adolescente.

Durante os primeiros 10 días de celebración do Salón foron xa máis de 12.000 persoas as que pasaron polo Pazo da Cultura.

As I Xornadas de Ilustración, celebradas o primeiro sábado, achegaron numeroso público profesional nunha gran oportunidade de intercambiar coñecementos e oportunidades con axentes destacados do mundo do libro como os ilustradores Kiko da Silva, Víctor Rivas, as mexicanas Cecilia Rébora e Amanda Mijangos, Sergio Covelo da AGPI, a editora Malores Villanueva de Galaxia, unha representación de Urco Editora, libreiros da cidade e a editora Ixchel Delgado (México). O mesmo sucedeu nos encontros con Valeria Gallo e Gabriel Pacheco durante o primeiro e segundo sábado respectivamente.

De luns a venres e durante cinco sesións, o público maioritariamente do mundo da docencia, falou en profundidade sobre a mediación, a poesía, os libros para coñecer e cambiar o mundo ou o feminismo. Ademais escolares dos centros colaboradores de educación primaria e secundaria, gozaron de obradoiros e contacontos da man da delegación mexicana, Anxo Fariña, Raquel Queizás, Migallas,  Pavís Pavós, Eli Ríos ou Susana Suniaga.

Pola súa banda o público de carácter familiar participou en espectáculos como 'Catrina e Dona Francisca' da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, nos talleres e contacontos da man de Bea Campos, Anxo Moure, Alondra Angélica Ramírez, María Guiexhooba, Paula Carballeira ou Rocío Kuri ou durante as fins de semana dos espectáculos musicais de Odaiko e Fantoches Baj, a 'Radio Bule Bule' de Paco Nogueiras ou os destinados a bebés, 'Bath Time' e 'Moraima', de Marcelo Dobode.

MARÍA VICTORIA MORENO

A figura de María Victoria Moreno, homenaxeada na Letras Galegas 2018, ocupa tamén un lugar destacado no Salón do Libro, con varios espazos ao redor da súa figura e a súa obra, ademais de espectáculos inspirados nela.

Neste aspecto o próximo terá lugar o domingo día 22 de abril ás 12:30 horas (entrada libre) con 'Pan con chocolate'. Un contacontos baseado na obra homónima de María Victoria no que Saleta Fernández transfórmase en Eva, a protagonista que recolle unha chea de historias máxicas.