Unha homenaxe permanente a Carlos Casares, autor protagonista do Día das Letras Galegas, como á lingua galega. Ese é o obxectivo da ampla programación que converterá a maio no mes das letras en Sanxenxo.
Así o destacou na súa presentación a concelleira de Cultura, Sandra Fernández Agraso, que agradeceu a colaboración das diferentes asociacións do municipio para concertos, contacontos, conferencias, folclore e unha xornada central de recoñecemento a Carlos Casares que terá lugar o 17 de maio, Día das Letras Galegas.
A programación arrancará este sábado cun concerto na Praza Pascual Veiga a cargo da Banda de Música de Sanxenxo e coorganizada pola Sociedade Musical de Sanxenxo.
A programación continuará o día 13 de forma ininterrompida ata o 20 de maio. As instalacións do colexio de Portonovo acollerá o Festival das Letras Galegas, organizado coa colaboración da Coral Polifónica Santa María Adina e Os Gatiños.
O domingo 14 estará dedicado ao rural e ao campo, cunha nova edición de Culturagro, coa celebración dunha xornada que combina actividades prácticas e teóricas vinculadas coa ecoloxía, a eficiencia enerxética responsable e o cultivo sustentable.
O luns día 15, a biblioteca de Vilalonga acollerá unha sesión para nenos a cargo de Raquel Queizás co contacontos Cocorocó, un espectáculo de narración oral no que se empregan obxectos, monicreques, debuxos e interacción co público. Ás 21 horas, o salón de plenos do Concello celebrará unha conferencia sobre Carlos Casares a cargo de Antón Riveira Coello.
O martes, e dentro do programa "Ler conta moito", a biblioteca situada no Pazo Emilia Pardo Bazán ofrecerá unha sesión de contacontos para bebés con Pavís Pavos.
O mércores 17 de maio será a xornada estrela do Mes das Letras, con actividades ao longo do día que contan coa colaboración de diferentes asociacións.
Así, Andarela poñerá en marcha "Espertar en galego", unha iniciativa que permitirá que todo o municipio amenza con frases e palabras propias da lingua galega e pouco utilizadas habitualmente.
A asociación de veciños de Dorrón e a asociación Cultural Soalleira organizan a IV Marcha Cicloturista a Dorrón, que sairá ás 10.30 horas do campo da festa coa divulgación da lingua como obxectivo.
A Praza Pascual Veiga será o centro das actividades culturais da xornada do 17 de maio. Ás 12 horas, e baixo o título xenérico de "Casares e Cantares" haberá unha lectura pública de textos do escritor a quen este ano se dedican as Letras Galegas, que concluirá cunha actuación do grupo Onte e Hoxe con música e letras en galego.
Tras este acto, e na mesma Praza Pascual Veiga, terá lugar a entrega de premios do Certame Literario Picariños, do Círculo Cultural e Deportivo de Sanxenxo, que se pechará coa interpretación do himno galego interpretado pola Banda de Música de Sanxenxo.
Xa por tarde, ás 18 horas, terá lugar o Festival Letras Galegas de Noalla, nas Canteiras, organizado polo Coro Parroquial de Noalla. E ás 18.30 horas, na Praza Pública de Vilalonga, terá lugar o Serán das Letras Os Cruceiros.
O xoves 18 a programación regresa á biblioteca de Sanxenxo co programa Ler conta Moito, con "Babacontos con Carlos Casares", historias de diferentes contos de Carlos Casares e a peza teatral "As laranxas máis laranxas de todas as laranxas".
O venres 19 a divulgación da lingua desprázase á biblioteca de Portonovo con "Lobo bobo de Elefante Elegante" e o sábado 20 Abiñadoira e Andarela encargaranse da organización, ás 21.30 horas, do espectáculo "Celebrando as Letras Galegas con AbiñArelas", na Praza Pascual Veiga.
O Mes das Letras baixará o pano o sábado día 27, ás 18 horas, no auditorio do Pazo Emilia Pardo Bazán con "Canta connosco!", de Migallas Teatro.