'Lume' ante as cámaras en Cuntis

Umia
31 de agosto 2024

O municipio pontevedrés de Cuntis é unha das localizacións estes días da rodaxe da serie de ficción galego-portuguesa 'Lume', cuxa gravación entra xa na súa recta final

A serie galego-portuguesa “Lume” atópase xa na recta final da súa rodaxe
A serie galego-portuguesa “Lume” atópase xa na recta final da súa rodaxe

O municipio pontevedrés de Cuntis é unha das localizacións estes días da rodaxe da serie de ficción galego-portuguesa 'Lume'.

A gravación deste traballo audiovisual, producido pola produtora galega Setemedia en colaboración da lusa Coral Europa e coa participación de TVG, RPT e a plataforma Max, foi visitada este xoves en Cuntis polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil.

Lume conta cunha subvención de 240.000 euros da Xunta de Galicia, e tamén foi seleccionado como o único proxecto español dos nove apoiados polo fondo Eurimages do Consello Europeo.

Trátase dunha serie de seis episodios que, a modo de thriller, conta a historia dunha investigación xornalística sobre incendios forestais.

Creada por Irene Pin e con guión asinado tamén por Sara Rodi, a serie de ficción está dirixida por Giselle Llanio e Sergio Graciano e conta cun equipo artístico con caras coñecidas do audiovisual galego como Cristina Castaño (protagonista), Isabel Naveira, Grial Montes ou Xulio Abonjo, así como o portugués Albano Jerónimo. 

Ademais de Cuntis outros municipios galegos acolleron parte da rodaxe, como A Estrada, Rois e Dodro.