O 'himno' do Pontevedra na Copa do Rei soará no festival Bigsound

Pontevedra
13 de xaneiro 2025
Actualizado: 18:23

Luck Ra, autor de 'La Morocha', actuará no festival xunto a Nicky Jam, Tanxugueiras , Juan Magán, Cali y El Dandee, Amaia, Omar Montes, Abraham Mateo, La Zowi, Ptazeta ou María Escarmiento

Luck Ra
Luck Ra / Sony Music

Fútbol e música irán da man na primeira edición que o festival Bigsound celebrará en Pontevedra. Será con Luck Ra, o cantante arxentino que está de pleno éxito grazas a La Morocha.

Esta canción, unha cativadora fusión de cuarteto e trap, converteuse no himno non oficial da afección do Pontevedra CF durante a súa histórica actuación na Copa do Rei.

La Morocha está a ser a banda sonora desta fazaña deportiva, unindo a xogadores e afeccionados nunha paixón compartida. 

Este tema, que transcendeu o ámbito deportivo, vivirá o seu momento máis épico en Pontevedra cando Luck Ra o interprete en vivo ante milleiros de seguidores no festival Bigsound, que se celebrará no Parque de Tafisa os días 11 e 12 de xullo.

O arxentino é un dos artistas do momento. Hai escasas semanas protagonizou a Bizarrap Session 61, acumulando só dúas semanas máis de 14 millóns de escoitas en Spotify e máis de 11 millóns de reproducións en YouTube.

Dende o seu salto á fama o cantante está a colaborar con artistas internacionais da talla de Maluma, Chayanne ou Nicki Nicole. 

Luck Ra estará así nun festival que xa reúne a figuras destacadas da música nacional e internacional como Nicky Jam, Tanxugueiras , Juan Magán, Cali y El Dandee, Amaia, Omar Montes, Abraham Mateo, La Zowi, Ptazeta ou María Escarmiento, entre outros.  

Organizado por BS Entertainment e PlayPlan, en colaboración co Concello de Pontevedra, o festival Bigsound ten as entradas á venda a través da súa páxina web: bigsoundfestival.com.