O Atlantic Fest completou o seu cartel para a edición de 2024, que se celebrará na praia da Concha, en Vilagarcía de Arousa, os días 19, 20 e 21 de xullo. A el súmanse nove bandas e artistas máis, entre eles Depedro -xa avanzado por PontevedraViva- e Carlos Sadness.
Ambos estarán acompañados nesta última remesa de confirmacións por Carlos Ares, Florent y Yo, Alcalá Norte, Dani Dicostas, Las Dianas, Grande Osso e Rocío Saiz DJ, segundo confirmaron este mércores os seus organizadores.
Un ano máis, o Atlantic Fest repartirá os seus concertos en dous escenarios, polos que tamén pasarán os artistas xa confirmados previamente: Mika, Los Planetas, Crystal Fighters, Sílvia Pérez Cruz, Andrés Suárez, Sidonie, Derby Motoreta’s Burrito Kachimba ou Elefantes.
O cartel completarase con Cariño, Luis Fercán, The Parrots, Rocío Saiz e Gazella.
Ademais de confirmar a súa oferta musical ao completo, o festival desvelou tamén a repartición por días da vintena de actuacións que ofrecerán ao público este ano.
Así, o venres 19 de xullo actuarán Carlos Ares, The Parrots, Rocío Saiz, Gazella, Alcalá Norte e Grande Osso.
A xornada central do festival, o sábado 20 de xullo, será a quenda de Los Planetas, Crystal Fighters, Carlos Sadness, Sílvia Pérez Cruz, Derby Motoreta’s Burrito Kachimba, Depedro, Cariño, Luis Fercán, Dani Dicostas e Florent y Yo.
Para o domingo 21 de xullo quedarán Mika, Andrés Suárez, Sidonie, Elefantes, Las Dianas, Grande Osso e o DJ set de Rocío Saiz.
Os abonos para o Atlantic Fest 2024 están á venda a un prezo de 50 euros e as entradas por día poderanse conseguir a partir do próximo 26 de maio. Custarán 20 euros a do venres e 40 euros as do sábado e as do domingo. Os menores de 12 anos entrarán gratis.